A Deputación de Ourense no ar

Baltar non falará de pactos até coñecer os resultados definitivos

A maioría absoluta de Baltar na Deputación de Ourense pende dun fío que se desvelará esta cuarta feira cando se acaben de revisar as papeletas. Democracia Ourensá adiantou a súa posición de expulsar a Baltar cun pacto do PSdeG, BNG e Ciudadanos, mais o partido laranxa amosouse aberto a apoiar o PP.

Feixoo e Baltar
photo_camera Feixoo e Baltar

O Partido Popular non quere falar de pactos na Deputación de Ourense até que se coñezan os resultados definitivos das eleccións municipais do 26M e que previsibelmente ditará a Xunta Electoral esta cuarta feira.

Será entón, de certificarse a perda da súa maioría absoluta, cando comecen a estudar a posibilidade de recorrer a pactos para reter a deputación que o PP leva gobernando durante 30 anos baixo o mandato de Xosé Luís Baltar e desde o 2012 co seu fillo Xosé Manuel á fronte da institución.

Pendentes da publicación dos resultados finais, a conformación provisional da deputación provincial fica con 12 escanos para o PP, 9 para o PSOE, 2 de Democracia Ourensá, 1 para o BNG e 1 de Ciudadanos.

Democracia Ourensá quere pactar con PSOE, Ciudadanos e BNG para expulsar Baltar

O portavoz de Democracia Ourensá, Gonzalo Pérez Jácome, propuxo un pacto das catro forzas (DO, PSdeG, BNG e Ciudadanos) para expulsar a Manuel Baltar da presidencia da Deputación de Ourense. Engadiu ademais que ese pacto debe estenderse ao concello de Ourense, onde o PSdeG é forza máis vota e o popular Jesús Vázquez deu por perdida a alcaldía.

Jácome propuxo un pacto das catro forzas (DO, PSdeG, BNG, C´s) para expulsar a Manuel Baltar

Ciudadanos amósase aberto a dar a deputación a Baltar

Os plans de Jácome non encaixan cos de Ciudadanos, cuxo concelleiro por Ourense e secretario de organización do partido en Galiza, Laureano Bermejo, asegurou a Sermos Galiza manterse aberto a negociar o futuro goberno da deputación “sen pechar portas a ninguén”, e engadiu que se atopan “nun exercicio de escoita, de coñecer as ofertas que os partidos políticos nos queiran pór enriba da mesa e, en función diso, quen comulgue máis coa nosa ideoloxía e programa será a quen teñamos máis en conta”.

Os plans de Jácome non encaixan cos de Ciudadanos

Preguntado por Sermos Galiza sobre se a decisión de apoiar Baltar suporía un problema para Ciudadanos por terse comprometido á rexeneración na deputación, Bermejo sinala que todos os partidos políticos “sexan da cor que sexan e que levan tempo gobernando teñen mochilas” e engade que desde C´s “queremos rexenerar a política pero haino que facer estando dentro das institucións e sendo decisivos”.

BNG e PSdeG pola expulsión de Baltar da Deputación

No PSdeG só ven como alternativa a Baltar a unidade do voto do resto de formacións. Para o Bloque Nacionalista Galego a prioridade é expulsar o PP e a familia Baltar dunha deputación tan rodeada de escándalos de corrupción e rede clientelar.

Comentarios