Jácome dá por roto o acordo na deputación

Baltar abre a porta a unha moción de censura en Ourense

Mentres aínda colea a polémica xerada pola decisión de Feixoo de excluír da súa proposta de colaboración aos alcaldes das cidades galegas a Pérez Jácome, o presidente da Deputación ourensá, José Manuel Baltar, aparece para solicitar a dimisión de Jácome, que continúa disposto a manterse á fronte Goberno.

baltar
photo_camera José Manuel Baltar, hoxe, durante a rolda de prensa. (Foto: Deputación de Ourense)

O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, defendeu a continuidade do pacto con Democracia Ourensá (DO) na corporación provincial, sinalando que tras unha xuntanza cos deputados desta formación, Armando Ojea e Miguel Caride, este último transmitiulle “tallante” e  "contundentemente" que o acordo de Goberno segue adiante. Baltar foi máis alá e apostou por manter Ojea, o único concelleiro fiel a Jácome, como vicepresidente da deputación, puntualizando que “se vota en contra das decisións do Goberno, será cesado por perda de confianza, pero até agora sempre estivo a favor”.

Baltar deu por roto o acordo con Jácome e non desbotou unha moción de censura co PSOE. O máximo responsábel dos populares ourensáns puxo o foco na xestión contábel do alcalde e destacou que se lle deu “unha oportunidade” para “aclarar" os devanditos "comportamentos", pero remarcou que non o fixo, á vez que abondou en que cre "que non vai dar declaración ningunha". “Se a maior parte do teu grupo che pide que te vaias, vaste", sinalou Baltar, quen en relación a unha futura moción de censura manifestou que "está sobre a mesa e no caso de que o alcalde non renuncie”.

As palabras de Baltar foron contestadas polo propio Jácome. O rexedor ourensán adiantou o voto negativo da súa formación aos orzamentos da Deputación e deu por feita a saída de Ojea do Goberno provincial. “Si. Se estivemos a favor dos orzamentos era porque ser un quid pro quo. Valoraremos esta semana, seguramente mañá ou pasado, se abandona a vicepresidencia Ojea, porque non son compatíbeis os cargos”, concluíu Jácome. As declaracións do alcalde de Ourense chegaron despois de culpar directamente José Manuel Baltar e Núñez Feixoo da crise do Goberno da cidade.

Comentarios