O balonmán galego quere xogar na casa

Once clubs galegos de balonmán rebeláronse contra a imposición da federación española de manter os campionatos como se non houbese pandemia: viaxando ás Canarias. Nós Diario fala coas e cos protagonistas dunha polémica que vai máis alá do deportivo e que podería solucionarse nos despachos.
Partido do Bueu Atlético Balonmán contra o Gourmet Ampate Lanzarote. (Bueu Atlético Balonmán)
photo_camera Partido do Bueu Atlético Balonmán contra o Gourmet Ampate Lanzarote. (Bueu Atlético Balonmán)

O pasado 2 de setembro os clubes galegos de balonmán que xogan nas categorías de División de Honor prata feminina e da 1º estatal masculina amosaron a súa preocupación pola situación sanitaria froito da pandemia da Covid-19 e o aumento de casos en todo o Estado español.

Once deles consensuaron un comunicado no que solicitaban á Federación Española de Balonmán que se evitasen as viaxes de longa distancia, en concreto ás Íllas Canarias, onde hai catro equipos, para tratar de minimizar os riscos que traería un posíbel confinamento de xogadoras e xogadores, ademais do prexuízo económico e os atrancos que existen para atopar voos e prazas de hoteis. 

Como consecuencia da ausencia de resposta a este comunicado enviaron un segundo con propostas que implicarían a realización de menos desprazamentos ou de adiar a competición e agardar a que diminúan os gromos que están a aparecer en numerosos lugares.

"Diante do seu silencio sentímonos ignorados, desprotexidos e abandonados", afirmaban os clubes galegos. Neste novo comunicado aproveitaron para solicitar unha reunión coa Secretaría Xeral para o Deporte, máximo organismo responsábel do ramo na Galiza, para analizar as demandas e as consecuencias que para o deporte galego se deriva da situación actual.

A última hora fontes deste organismo confirmaron a Nós Diario que tería lugar ese encontro de maneira urxente esta sexta feira para consensuar as medidas de presión a tomar para que se solucione este problema. 

Deportistas non profesionais

María Martínez, presidenta do Clube Balonmán Chapela, explica a Nós Diario que non se trata dunha reivindicación económica. "Levamos moitos anos indo e xa temos orzamento dese gasto, o problema é ir neste momento" asegura. A razón pola que se negan a viaxar a grandes distancias é que "as xogadoras e xogadores non son profesionais, aínda que a competición sexa estatal, estes deportistas son amadores e teñen un traballo, familia e non viven do balonmán".

No caso de que houbese un positivo, o período de corentena sería prexudicial para todas estas persoas. "Os clubes, ademais, non temos recursos para mantelos alí 15 días". Alén diso critica a falta de información sobre como actuar en caso de que algún xogador dea positivo no seu traballo. "Ten que estar en corentena e non pode ir e se non hai xogadores que facemos? Non nos deron garantías", afirma. 

A unidade de España é o argumento da federación para non mudar o campionato

O presidente da Federación española de Balonmán, Francisco Blázquez García, non pensa mudar o calendario da competición. En declaracións a Nós Diario pon de manifesto que "se iniciaron todas as competicións cun protocolo unificado e non entendo a preocupación por confinarse nas Canarias 15 días". Criticou con dureza as declaracións dos clubes galegos, que cualificou de "daninas" para pasar a defender que "España está conformada pola península, Balears, Ceuta, Melilla e Canarias". "Non permitiremos que se discrimine equipos pola situación xeográfica", dixo.

Salientou que se sorprendeu de que as "peticións se fagan en setembro, cando se aprobou o 13 de xuño". Por ese motivo estima que "o formato de competición está aprobado e seguirá así".

Os equipos galegos farán valer a súa forza

"Nós non viaxaremos, pase o que pase", asegura a Nós Diario Francisco Alejandre, responsábel do OAR Coruña, "o presidente da Federación española é o noso representante, non o noso xefe", engade. Considera que viaxar sería “unha imprudencia” tamén para o gran colectivo de persoas que arrodea os clubes. "Hai nenas e nenos na base", lembra.

Por este motivo di que a Federación española terá que tomar a decisión e, en todo caso, "pode facernos descender se quere" que non mudará de idea. Iso si, confía na forza que ten o balonmán galego e os seus clubs a nivel estatal para evitar chegar a ese punto.

Comentarios