O Balón de Ouro de Luis Suárez e a mirada de Blanco Amor: 143 anos de fútbol galego

balaidos_celta_depor_anos_30_foto_pacheco
photo_camera Derbi entre Celta e Deportivo en Balaídos, pouco despois da inauguración do stadio vigués. Arquivo fotográfico de Pacheco. Concello de Vigo.

Entre o partido de fútbol que mariñeiros da armada inglesa e indíxenas arousáns disputaron en 1876 (primeira referencia ao xogo do foot-ball en Galiza, e para algúns historiadores tamén no Estado) e o gol do celtista Iago Aspas no recente Mundial de Rusia pasaron 143 anos. É o período histórico que abrangue a exposición que a Cidade da Cultura en Compostela acolle desde esta sexta feira até mediados de setembro. Unha mostra que se compón de 300 pezas, 200 delas orixinais. Destacan, entre elas, veradadeiras xoias como o Balón de Ouro de Luis Suárez, o couñés que tiña maxina nos pés.

debuxo_rivas_pontevedra_sc_vigo_fc_1906

A mostra reúne trofeos, medallas, carteis, bandeirolas, bufandas, camisetas, botas, fotografías, vídeos e outro tipo de obxectos. As pezas que compoñerán a exposición serán achegadas por diferentes coleccionistas públicos (30) e privados (60). Así, requiriuse a colaboración dos principais clubs de Galiza –así como da federacións galega– e tamén dos xogadores máis relevantes da historia do noso fútbol ou ben dos seus herdeiros.

A escolma de pezas percorre as xestas de equipos como o Racing subcampión da Copa de España, o Pontevedra do Hai que roelo, o Súper Dépor ou do EuroCelta ; de adestradores como Moncho Encinas, Arsenio Iglesias ou Carriega; e de xogadores como os olímpicos galegos de 1920, Luis Suárez, Amancio, Marcelino, Fran, Borja Oubiña, Iago Aspas, Lucas Vázquez ou Lucas Pérez; ou da nosa futbolista máis internacional, Verónica Boquete, o nome máis representativo da explosión que está a vivir o fútbol feminino galego e que tivo á porteira Irene como pioneira a principios do século pasado.

a_porteira_irene_en_riazor

Non se obviará neste percorrido histórico a relación do fútbol galego coa cultura, especialmente coa literatura ou a pintura. Precisamente, o nome do título da exposición vén da descrición que deste deporte fixo o intelectual e escritor ourensán Eduardo Blanco Amor, mentres que a imaxe gráfica principal da mostra tamén é autoría doutro artista ouresán Antón Pulido.

A ampla duración da exhibición obedece a que é a primeira vez se que celebra unha mostra destas características.Organizada pola Xunta coa colaboración da Federación Galega de Fútbol e LaLiga Santader, conta con dos expertos en fútbol galego Xosé Antón Castro Fernández e Rubén Ventureira Novo como comisarios da exposición.

Fotos:

Portada:  Derbi entre Celta e Deportivo en Balaídos, pouco despois da inauguración do estadio vigués.  Arquivo fotográfico de Pacheco. Concello de Vigo.

Interior 1: Debuxo humorístico de Rivas. Final da primeira Copa Pontevedra, disputada polo Pontevedra SC e o Vigo  FC o 15 de setembro de 1906 na Xunqueira. Miseo de Pontevedra

Interior 2: A porteira Irene González no Parque de Riazor. Arquivo: ABC


 

Comentarios