Baixa a afiliación na Galiza e aumenta, sen incluír os ERTE, o paro interanual

Este mes de setembro deixounos uns datos de desemprego atípicos. A baixada de 377 persoas no desemprego respecto a agosto non agochou a baixada na afiliación de 995 cotizantes e un incremento da contratación temporal. A CIG, CCOO e UXT demandan con urxencia a activación dun plan de reactivación económica e a derrogación das reformas laborais.  
Oficina do Servizo Público de Emprego en Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Oficina do Servizo Público de Emprego en Compostela.(Nós Diario)

O número de persoas desempregadas que rexistraron os servizos públicos de emprego baixou en 377 persoas no mes de setembro en relación ao mes de agosto, o que representa un 0,7% de media, mais aumentou en 19.590 (+12,48%) se comparamos co mesmo mes de 2019. En total contabilízanse 176.574 desempregadas, segundo datos facilitados polo Ministerio de Traballo e Economía Social, aínda que non contabiliza as traballadoras e traballadores acollidos a un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE).

En canto á Seguridade Social, a afiliación caeu en 995 persoas cotizantes respecto á media do mes anterior, situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 1.011.799. En variación interanual, respecto ao mesmo mes do ano anterior, as traballadoras e traballadores dados de alta na Galiza baixaron en 17.749, un 1,72% menos. Por outro lado rexistráronse 83.162 contratos, dos que 76.299 foron temporais. Estes datos constatan que se está a perder emprego e o que se crea é precario.

Por sectores, o desemprego incrementouse na agricultura, con 230 persoas máis nesta situación, até 6.271 e a industria recortouno en 881 persoas, até 18.893. Da mesma maneira baixou en construción, en 383 persoas, até 13.341 e aumentou en servizos con 186 persoas desempregadas máis até contabilizar 122.191.

No relativo a contratos, con 83.162, Galiza aumentou en 29,14% se o comparamos co mes de agosto (18.763 firmas máis), mais se facemos o balance interanual atopariamonos cun descenso de 22,09% en relación con hai 12 meses (23.573 menos). Por último, os datos achegados polo organismo estatal seguen a amosar que o desemprego afecta máis ás mulleres (93.642) que aos homes (71.666).

A CIG contabiliza 395.392 persoas sen traballo

Desde a CIG apuntan que os datos de setembro sinalan unha "elevada precariedade e eventualidade" que está a empeorar pola continuidade das reformas laborais no mercado de traballo. A central sindical nacionalista denuncia que aos datos facilitados polo Ministerio "para ter unha imaxe máis acertada da realidade sociolaboral teríamos que sumarlle a esas 176.574 desempregadas as 218.758 persoas que están nunha regulación".

 O secretario confederal de Emprego e Industria da CIG, Francisco Xabier Cartelle afirma que "estaríamos falando de 395.392 galegas e galegos que nestes intres non están traballando e destas persoas tan só 127.390 perciben algunha prestación do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE)". Ademais lembra que a contía da prestación contributiva media "baixou 1,6% quedando nos 792,3€/mes".

Para Cartelle "a situación anómala" que se vive pola pandemia da Covid-19 explica que "neste verán o número de contratacións foi moi escaso, agora a perda de emprego tamén resulta moito menor". Desde a central sindical reiteran a necesidade de contar cun Plan Industrial para Galiza que garanta a actividade produtiva e xere emprego de calidade. 

Derrogar as reformas e crear un plan urxente

Tamén desde CCOO e UXT coidan que é urxente un plan de recuperación económica e social para afrontar a situación. A secretaria de Emprego e Previsión Social de CCOO, Maica Bouza, advirte da "dinámica negativa" na Galiza, xa que está a perder emprego  pola baixada de afiliación, mentres que no conxunto do Estado se crean 84.000 postos de traballo.

Segudo Bouza a crise "reflíctese con crueza na evolución interanual da contratación", cunha caída de 31% no número de contratos rexistrados: en agosto de 2019 fixéronse 93.629 contratos, mais en 2020 tan só 64.399. Neste contexto, desde UXT tamén piden nun comunicado "derrogar as reformas que lastran o mercado laboral e só serviron para darlle máis inestabilidade e para favorecer a precariedade".

Comentarios