Aznar considera que o Estado español “saíu gañando” coa guerra do Iraq

O ex presidente español, José María Aznar, teima en defender a participación do Estado español na guerra do Iraq. Sinala, ao respecto, que lle “conviña estratexicamente a España”.

[Imaxe: Wikipedia]
photo_camera [Imaxe: Wikipedia]

En resposta a unha carta de José Manuel García Margallo, actual ministro de Asuntos Exteriores, José María Aznar insiste en defender o apoio do Estado español á invasión e á guerra do Iraq no momento en que era presidente do Goberno. O Estado, para Aznar, “saíu gañando” coa participación desta guerra, que espertou unha ampla mobilización social en contra.

“Non se pode pedir axuda a un amigo e logo, cando ese amigo cha reclama, negarlla”, apunta Aznar na misiva enviada a Margallo. Para o ex presidente español, o acordado no Cumio das Azores “convíñalle estratexicamente a España”. Tamén xustifica a intervención pola súa “convición atlantista”.

O ex presidente español salienta que “España non participou en ningunha guerra”. “Nin un só soldado español estivo no Iraq un só día sen a cobertura indubitada das Nacións Unidas para a estabilización do país”, apunta.

Máis de 100.000 persoas iraquís mortas

A guerra do Iraq comezou de maneira simbólica o 16 de marzo de 2003 co Cumio dos Azores, no que participaron George W. Bush, Tony Blair, José María Aznar e José Manuel Durao Barroso. Catro días após, comezaba a invasión por unha coligazón composta por máis de 40 países.

A ONG Iraq Body Count calcula que morreron máis de 100.000 iraquís. En resposta a unha pregunta parlamentar formulada por IU-ICV en 2005, o Goberno central asegurou que as tropas españolas sufriron 90 ataques “reseñábeis” nos que faleceron 9 militares e nos que 18 resultaron  feridos. Segundo esta resposta, o Exército español mataría, cando menos, 10 iraquís e feriría outros 21. No que respecta ao custe económico para o Estado, ascendeu a 259,55 millóns.

Máis en Mundo
Comentarios