Axuda estatal en Portugal para pagar a luz

O Goberno sufragará de forma directa 10% do total da factura eléctrica coincidindo co confinamento domiciliario pola Covid-19.
antonio_costa_13xaneiro2021
photo_camera O primeiro ministro portugués, António Costa, anunciou na cuarta feira o recollemento obrigatorio (Foto: Goberno de Portugal)

O Goberno de Portugal ten previsto anunciar nos próximos  días axudas extraordinarias para paliar os efectos da subida da factura eléctrica. Nomeadamente, sufragará de forma directa 10% do recibo da luz, segundo adiantou o xornal Expresso citando fontes do Ministério do Ambiente.

A medida, que estará en vigor o tempo que dure o novo confinamento anunciado esta mesma semana para todo o país, terá un custo para o Executivo dirixido polo socialista António Costa de entre 20 e 25 millóns de euros ao mes. Aplicarase a todos os consumidores domésticos, sen distinción de nivel de renda.

Tamén favorecerá os fogares vulnerábeis beneficiarios da tarifa social, aos que a redución no valor da factura da luz será aínda mais significativa, podendo mesmo chegar a 40%.

Ademais, a axuda gobernamental terá efecto retroactivo desde o 1 de xaneiro e chega nun momento en que o megavatio por hora xa supera os 91 euros.

IVE de 23% a 6%

Portugal comparte con España o Mercado Ibérico da Electricidade (Mibel). Porén, as diferenzas na factura eléctrica para os consumidores dun e doutro Estado son substanciais. Na primavera de 2019 a coalición de esquerdas que gobernaba Portugal ─un dos Estados da UE onde os consumidores pagaban máis polo recibo da luz─ decidiu baixar o IVE da luz e do de 23% a 6%.

Previamente recibiu o beneplácito de Bruxelas, que é quen debe dar autorización a este tipo de medidas no mercado común. En 2012, o Goberno de Pedro Passos Coelho, do partido conservador PSD, aprobou a suba do IVE a 23% pouco tempo despois de asumir o cargo.

O novo anuncio do Executivo de António Costa coincide coa extensión do estado de emerxencia por mor da Covid até o 30 de xaneiro, o confinamento domiciliario e as baixas temperaturas deste inicio de 2021.

Comentarios