A programación dun sempre intenso 25X

Toda a axenda política deste 25X

Compostela voltará a ser o epicentro da celebración do Día da Patria Galega este ano. Tan só o PSdeG –en Rianxo–, IU –en Mugardos– e Podemos –en Sarria– optan por levar os seus actos fóra da capital. As reivindicacións políticas, as romarías e os actos lúdicos son os tres principais fíos que tecerán o 25 de Xullo de 2018.

Día da Patria Galega 2017

Para todos os gustos. Así é o programa de actos políticos que terán lugar entre o 24 e o 25 de xullo con motivo do Día da Patria Galega, a meirande parte deles, en Compostela, como é tradición. Así, BNG, Galiza Nova, En Marea, Anova, Causa Galiza, Compromiso por Galicia, Agora Galiza e a Mocidade Pola Independencia elixen a capital de Galiza para o 25 de Xullo. O PSdeG estará en Rianxo; IU, en Mugardos e Podemos, en Sarria.

O BNG: ás 12 horas desde a Alameda

O BNG, a través da súa portavoz, Ana Pontón, foi a primeira das forzas políticas que presentou a campaña de celebración do 25 de Xullo coa que, ademais, conmemora o 50 aniversario do acto en que o nacionalismo pendurou a faixa co lema “Viva Galiza Ceibe e Socialista” na Ferradura de Compostela. Un acto co que se recuperaba o día da nación, acordado en 1919 pola II Asemblea Nacionalista. Precisamente, desta presentación participou Lois Diéguez, un dos protagonistas daquel 25 de xullo de 1968 que Sermos Galiza entrevistou no presente número especial.

A campaña do Bloque técese coa idea de “Sumar por Galiza”. “Cincuenta anos sumando por Galiza desde a diferenza, con diferentes visións do país, pero cun punto en común: o convencemento de que temos dereito e somos capaces de gobernarnos a nós mesmas e non precisamos que nos marquen o camiño desde fóra”, explicaba Pontón, quen facía un chamamento a “desbordar” as rúas compostelás o 25 de xullo. A manifestación convocada polo BNG partirá ás 12 horas da Alameda para rematar na praza da Quintana, onde pronunciará o seu discurso a portavoz nacionalista.

Ao remate do acto, a forza encabezada por Ana Pontón dirixirase á carballeira de Santa Susana, onde está convocado o tradicional xantar popular, e participará do Festigal, organizado pola Fundación Galiza Sempre e por Galiza Nova. Consolidado como unha cita ineludíbel do verán, o Festigal desenvolverase o 24 e o 25 no Campus Sur de Compostela, onde, na noite do 24, actuarán The Lelli Kelly’s; Ses –o prazo forte da presente edición–; Rebeliom do Inframundo e DJ Bambooh –estaba prevista a actuación do rapeiro exiliado Valtonyc– e o 25, Os Viqueiras de Ordes e Cabezudos; Sonia Lebedinsky e A Banda da Balbina. O Festigal complétase cun amplo programa dirixido ás crianzas, no que destaca a actuación de Pablo Nogueiras; cun espazo para a cultura galega e con conferencias e presentacións.

Un día de humor para En Marea

 

En Marea celebrará o Día da Patria Galega baixo o lema “A Galicia de Todas”, unha xornada que o coordinador do partido, Gonzalo Rodríguez, presentou a pasada terza feira. En Marea encetará o seu particular 25 de Xullo ás 13.30 horas no parque de Vista Alegre, cunha sesión vermú e un concerto de Najla Shami. Luís Villares, portavoz deste partido, saudará brevemente as persoas asistentes ás 14.55 horas, antes do xantar.

A partir das 16.30 horas actuará Peter Punk co espectáculo “Peor imposible”, pensado para o público infantil. Ás 17.45 horas será a quenda do “mitin cómico sobre a confluencia co que trataremos de rirnos de nós mesmos, que fai moita falta”. Ás 18.15 horas chegará a poesía e ás 19.15 horas, Pesdelán e o Himno Nacional. “Queremos fechar o 25 de xullo cantando e bailando todas xuntas”, explicou o coordinador.

Cerna, integrada en En Marea desde que a forza política pedira a disolución do resto de organizacións, tomará parte desta actividade, segundo afirmou en conversa con este medio Mario López Rico, un dos seus impulsores.

Anova: palestra e romaría

Anova, partido liderado por Antón Sánchez que forma parte de En Marea mais que un ano máis opta por organizar a súa propia oferta con motivo do Día da Patria Galega, comeza os actos o día 24 cunha palestra internacional titulada “Novo tempo para a unidade popular”, no marco do programa “República desde os concellos”. Encetará ás 19.30 horas na Facultade de Filosofía da USC e tomarán a palabra, alén de Antón Sánchez, Dolors Sabater (ex alcaldesa de Badalona) e María del Río (de EH Bildu). Moderará a xornalista Eva Lema.

Aliás, conmemora o día 25 cunha romaría popular que terá lugar, ao igual que nos últimos anos, en Galeras (Compostela), a partir das 13 horas.

IU, en Mugardos

IU, que tamén forma parte de En Marea, opta por por convocar un acto “festivo e político” no “día nacional de Galicia”, en palabras do partido, en Mugardos.

Na xornada denominada “Defender o municipalismo rebelde para construír República”, intervirán Pilar Díaz, alcaldesa da localidade e mais Eva Solla, coordinadora nacional de EU. A partir das 12.30 horas na zona do porto.

Podemos vaise a Sarria

Tampouco estará en Compostela Podemos, outra das patas de En Marea, que convoca un acto “político e lúdico” no parque do Chanto, en Sarria, ás 12 horas polo “Día da Matria”.

Aínda que fica pendente de fecharse, prevense as intervencións da portavoz de Podemos en Sarria, Paula De Santiago; da secretaria de Organización, Natalia Prieto, e da secretaria xeral de Podemos na Galiza, Carmen Santos.

O PSdeG deslócase a Rianxo

O PSdeG, un ano máis, visitará Rianxo, con motivo do Día da Patria Galega, para facer unha ofrenda floral perante o busto de Castelao coa presenza do secretario xeral, Gonzalo Caballero.

O PP, que o ano pasado se deslocara a Vilalba para facerlle unha homenaxe a Manuel Fraga, non celebrará este día. A forza política remítese á axenda institucional de Alberto Núñez Feixóo como presidente da Xunta de Galiza, que participará na ofrenda ao Apóstolo, ás 10 horas na catedral.

Causa Galiza maniféstase en Compostela

Causa Galiza convocou unha manifestación nacional para o día 25 con saída ás 12.30 horas da Alameda de Compostela. Unha mobilización que finalizará cun xantar de afiliadas e simpatizantes. Prevese que a formación política saliente a súa aposta na “estratexia independentista e rupturista como alternativa”.

Causa Galiza pon énfase na participación da mocidade, na “geraçom que rompe, progressivamente, o tabu que a direçom histórica do nacionalismo galego instaurou durante décadas a respeito da independência e descubre que, estrategicamente, só a unilateralidade, a auto-organizaçom e a luita diária ofertam horizontes distintos dos do empobrecimento, a espoliaçom, a espanholizaçom plena e a repressom”.

Agora Galiza, na praza 8 de Marzo

Outra forza independentista, Agora Galiza, realizará unha concentración-acto político o propio 25 de xullo ás 13 horas na praza 8 de Marzo, de Compostela. Ás 14.30 horas, organiza un xantar no parque de Bonaval.

Mobilización da Mocidade pola Independencia

Por outra banda, a terza feira, día 24, con saída ás 20 horas da Alameda, o colectivo Mocidade pola Independencia percorrerá as rúas de Compostela baixo o lema “A mocidade independentista a construír a República. Rachar a precariedade, rematar com a emigraçom”. A partir das 23 horas e no marco deste acto, actuarán no Parque de Belvís Ataque Escampe; Maskarpone; Ezetaerre e Cuarta Xusta.

Compromiso por Galicia: palestras e actos lúdicos

Compromiso por Galicia comezará o 25 de Xullo cunha ofrenda e cun acto cultural no Panteón de Galegos Ilustres ás 11 horas e organizará posteriormente un roteiro desde Bonaval até o Parque Euxenio Granel, onde terá lugar un acto político que contará coas intervencións de, entre outros, Jordi Xuclá, de PDeCat; Andoni Ortuzar, do PNV, e Juan Carlos Piñeiro, secretario xeral da organización galeguista.

Após o xantar de irmandade, Compromiso por Galicia organiza xogos populares, contacontos e unha foliada.

Comentarios