Na véspera da escolla do novo presidente da RAG, Axeitos confirma que a Xunta mantén aberta a vía do recurso ao Supremo

A véspera de ser elixido novo presidente da RAG, o académico que ocupa o posto en funcións, Xosé Luís Axeitos, publica na web unha nota na que confirma que a Xunta non desistiu do recurso de casación diante do Tribunal Supremo e defende o traballo “responsábel, xeneroso e desinteresado” dos servizos xurídicos da Academia. 

O recurso contra o Decreto do Plurilingüístico foi un dos cabalos da batalla neste tempo de crise da Academia despois de que o anterior secretario e agora presidente en funcións, Xosé Luís Axeitos, acusase os “críticos” coa executiva presidida por Ferrín de querer retiralo pola presión da Xunta. A véspera de ser elexido un novo presidente da RAG, Axeitos publica na web da institución unha nota pola que informa da dilixencia recibida do Tribunal Supremo segundo a que se notifica que se lle abre un prazo de trinta días á Xunta para “manifestar se sostén ou non o recurso de casación preparado contra a resolución dictada no recurso contencioso-administrativo un. 591/2010”, ao tempo que se exime de taxas á RAG polo recurso presentado. 

A comunicación do Tribunal fai concluír á presidencia en funcións da RAG que a Xunta a día 15 de abril “non tiña desistido do seu Recurso de Casación e por tanto está en prazo para completar a súa formulación ante o Tribunal Supremo”. 

Na nota publicada na páxina da Academia, lembran que o seu é “un dos escasos recursos no que o conflito lingüístico arredor do galego chega ao Tribunal Supremo de Madrid, cando os idiomas catalán e vasco foron defendidos neste alto tribunal en numerosas ocasións polos seus respectivos gobernos”. 

Na véspera das eleccións do novo presidente, Xosé Luís Axeitos -que presumibelmente concorrerá na candidatura de Manuel González- valora na páxina da Real Academia Galega que “os servizos xurídicos da RAG seguen a facer un traballo responsábel, xeneroso e desinteresado en defensa da lingua galega, sen percibiren ningún tipo de remuneración”.

Conclusións dos Encontros para a Normalización

“Converte o galego en invisible e inútil” é a conclusión a respecto do decreto do plurilingüismo á que chegaron os XV Encontros para a Normalizacióon Lingüística celebrados no Consello da Cultura Galega e coordinados por Henrique Monteagudo, membro do candidatura presidida por Alonso Montero. As conclusións difundidas na tarde da sexta feira sinalan que a nova normativa  “favorece claramente a posición hexemónica do español”. 

Comentarios