Memoria

"Avanzar en memoria é avanzar en democracia": un novo relato da represión na Galiza

Con motivo do Día da Galiza Mártir, 'Nós Diario' analiza os desafíos da memoria histórica na Galiza, desde a relevancia da iniciativa cidadá ao necesario papel da institucionalización, pasando pola construción doutro relato que debe responder novas preguntas. 
Exhumación de José Antonio Díaz Fernández, asesinado ARMH
photo_camera Exhumación en Argomoso de José Antonio Díaz Fernández, asasinado polo franquismo (Foto: ARMH)

O Día da Galiza mártir lembra un ano máis, co asasinato de Alexandre Bóveda como estandarte, as vítimas do franquismo. Pórlles nomes e apelidos ás aínda anónimas é unha débeda co pasado, mais tamén co presente. As continuidades silenciadas atoparon na cidadanía esoutro relato que sobreviviu, non sen loitar a súa propia batalla, ao silencio e a represión daquela longa noite que aínda non viu o amencer.

A memoria histórica é unha cuestión complexa que, segundo lembra Lourenzo Fernández, catedrático de Historia e integrante do grupo Histagra da universidade de Santiago, responde a diferentes definicións: o movemento memorialista, o coñecemento dese "pasado incómodo", a propia lembranza das persoas dese pasado ou a historia en si. Malia o dinamismo da iniciativa cidadá no primeiro ámbito, "logo da entrada no Goberno da dereita" e co "desinterese activo polo tema" moitas actividades ficaron freadas, indica Fernández.

É o caso de dúas das liñas máis visíbeis: as escavacións das fosas e o recoñecemento das vítimas. Así, un proxecto como Nomes e Voces, do que foi impulsor, que pretendía crear un gran centro da memoria "leva agardando anos", paralizado. Con todo, o fondo reúne e recoñece máis de 14.000 vítimas de malleiras, asasinatos, violacións, procesos xudiciais ou calquera das múltiples formas de violencia exercidas polo réxime.

O baleiro político

"Agás algunhas excepcións hai que ser críticos coas políticas públicas de memoria, no caso da Xunta totalmente inexistentes", di a xornalista Montse Fajardo, integrante de Iniciativa Galega pola Memoria (IGM). "Non só non suman, senón que restan moitas veces", denuncia. Así, a sociedade civil viuse obrigada a asumir "un papel básico que deberían desenvolver as institucións", nun labor modélicodurante décadas, mais que non tería que depender do esforzo das familias, que corren, por exemplo, cos gastos das escavacións. "Ten que haber unha política pública de memoria", afirma, apelando á responsabilidade ética de cuestións como a retirada de simboloxía, que requiren unha posición clara.

"Hai que ser críticos coas políticas públicas de memoria, no caso da Xunta totalmente inexistentes", denuncia Fajardo

Para a Deputación de Lugo, a entrada da nova lexislatura foi transcendental, pois creouse unha área específica de Memoria Histórica, conta o deputado responsábel, Efrén Castro. Aínda botando a andar, por primeira vez a Deputación celebra o Día da Galiza Mártir cun acto organizado en Sarria. Aliás, tal e como levaban pedindo moitos anos, onte retiraron os cadros dos presidentes do organismo da época da ditadura, que se mantiñan aínda nos corredores. "En calquera democracia moderna isto tiña que producirse hai anos", afirma Castro. Desde a consciencia de que "queda moito por facer", están a explorar vías de colaboración con asociacións que levan anos desenvolvendo o seu traballo no eido.

É isto, xunto á pedagoxía a través de xornadas ou outras actividades, o que segundo a deputada de Pontevedra María Ortega teñen marxe para levar a cabo desde institucións como as deputacións, que carecen de competencias lexislativas para realizar moitas accións fóra de actos mais ben simbólicos. "De nada vale unha lei de memoria sen partidas orzamentarias", critica.

"De nada vale unha lei de memoria sen partidas orzamentarias", critica a deputada María Ortega 

Con todo, o labor de apoio pode dar un pulo importante. Así o demostra o traballo da Deputación da Coruña, co Pazo de Meirás e a Casa Cornide como "puntal" que levou a abrir "moitos debates", recoñece o deputado Xurxo Couto. De aí xurdiría o compromiso coa recuperación do patrimonio espoliado a través da creación da Xunta Pro Devolución do Pazo, unha causa que o pasado mes chegaba a xuízo e da que agardan ter novas cara a finais de agosto ou comezos de setembro. Ademais, Couto sinala a vontade de seguir loitando noutros ámbitos relacionados.

Un novo relato

Desde o punto de vista do coñecemento do pasado, Fernández sinala dous elementos que están a xogar un papel fundamental na investigación: "Fáltanos incorporar os verdugos e integrar a lóxica histórica do movemento guerrilleiro no tempo do antifascismo dos anos 40". Nestas liñas encádranse traballos como o libro 1936: un novo relato, do que o historiador é coeditor. Aínda que meterse cos verdugos "levanta resistencias, precisamos entrar niso porque senón temos pantasmas do pasado en vez de coñecemento", adirma, con dinámicas nas que as vítimas son "culpábeis" e non "asasinadas".

"Canto máis entendemos o presente, máis necesitados estamos de coñecer, recoñecer e integrar o pasado como o que realmente foi", afirma Fernández

Doutra banda, o catedrático apunta a entender a colaboración e participación activa entre 1936 e mediados dos anos 50 "nun movemento armado antifascista de resistencia" non de maneira endóxena, senón no contexto europeo da II Guerra Mundial, alén de inserilo na lóxica democrática, como se fixo en Italia, Francia ou Polonia.

"Canto máis entendemos o momento presente, máis necesitados estamos de coñecer, recoñecer e integrar ese pasado como o que realmente foi", afirma Fernández. Hai que comezar a ver o período do golpe, a guerra e a ditadura "dunha forma xeracionalmente distinta", engade. Fajardo transmite neste senso unha mensaxe positiva, pois detecta nesa "xeración das bisnetas" moito interese. "O discurso de dous bandos enfrontados en igualdade de condicións xa non lles convence", asegura. Por iso, aínda que este foi un ano moi duro –co falecemento de Margarita Caballero, Mariquiña Villaverde, Elvira Varela Bao, Antonio Nores ou Chato Galante–, considera que o relevo está garantido e a recuperación da memoria é xa "imparábel".

Perspectiva de país

"Ten que haber unha política con perspectiva de país, porque o que pasou na Galiza non é o mesmo que en Estremadura. Aquí non houbo unha guerra civil, non tivemos bandos, senón un xenocidio desde que cae Tui", reclama Fajardo. Fernández pon de exemplo o uso do termo maquis para referise aos fuxidos, á xente do monte, como se chamaba na Galiza desde a memoria popular. Aquí teriamos que falar de "toxeiras" como equivalente ao nome francés da planta que aludía o movemento antifascista, o galicismo "deturpa e case coloniza a nosa propia memoria", explica Fernández. O que non exime de contextualizar as técnicas de represión na Galiza, que prefire denominar "persecución e matanzas", en estratexias inventadas polos fascistas italianos entre 1919 e 1922.

Aquí teriamos que falar de "toxeiras" como equivalente ao nome francés da planta que aludía o movemento antifascista, o galicismo "deturpa e case coloniza a nosa propia memoria", explica Fernández.

Fajardo apunta ademais a necesidade dunha memoria histórica con perspectiva de xénero e de clase. Cos grandes nomes cómpre así recuperar os da xente obreira asasinada por estar sindicada ou as formas específicas de represión cara ás mulleres, con prácticas de castigo diferentes, a través de compoñentes moi sexuais.

Trátase, en resumo, de formularmos "novas preguntas para ter un novo relato, fronte ao dominante dos verdugos", insiste Fernández, "porque gañaron e dominaron a memoria, os medios de comunicación, definindo os límites durante 40 anos e durante outros 40 o asunto quedou máis ou menos conxelado".

Rematar coa impunidade

"Queda, en definitiva, rematar coa impunidade que tivo o franquismo pola continuidade do réxime nunha democracia onde se seguiron tolerando moitas prácticas anteriores", reivindica Fajardo. Para Castro resulta especialmente importante rescatar do silencio esta memoria "nun momento como o actual, no que co rexurdir da ultradereita mesmo comeza a haber certo negacionismo dos crimes atroces da ditadura fascista".

Para a xornalista "avanzar en memoria é avanzar en democracia. Temos que romper coa herdanza económica e ideolóxica", sinala Fajardo, deses "lazos que nos atan á ditadura e nos fan unha rara avis en Europa". Neste senso, Ortega considera a falta de liberdade para tratar estes temas como síntoma dunha "democracia aínda en cueiros". "Temos que seguir reclamando a modificación dunha Lei de amnistía que é a gran cómplice da impunidade", acrecenta.

En canto a cuestións máis concretas, pon o foco, alén de na vixente loita pola recuperación do patrimonio espoliado, da que axiña teremos noticias, na polémica cuestión dos usos de San Simón: "Non pode seguir sendo un parque de atraccións para facer xincanas. Ten que ser unha illa da memoria, e as actividades ter en conta que alí houbo un campo de concentración franquista".

Comentarios