Mobilización

Auxiliares do naval afectados por impagos de até dez anos maniféstanse en Moaña

Exixen o cumprimento desta «débeda histórica» por parte de estaleiros como Barreras, e din que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, debe recibilos «xa».

barreras
photo_camera O estaleiro de Barreras é un dos que mantén a débeda [hjbarreras.es]

Máis de 300 persoas marcharon este sábado á tardiña polas rúas de Moaña (O Morrazo) até a praza do Concello, convocadas pola plataforma da industria auxiliar afectada polos impagamentos do naval.

Segundo explicou aos medios de comunicación o presidente do colectivo, Balbino Barcia, transcorreu unha década desde que a ducia de compañías que o integran están «sen cobrar» por parte de estaleiros como Barreras ─que esta semana pediu a súa disolución─ e o naval de Marín.

É unha «débeda histórica», sinalou Barcia, que explicou que «hai xente que perdeu» as súas casas porque están «moi mal» e «sofren moitísimo».

A plataforma, xa que logo, reclama o «pagamento» destas cantidades e asegura que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo «debe» recibilos. «Eu non sei se ten pensado aguantar un ano máis até as eleccións galegas, mais ten que botarnos unha man xa», dixo.

Comentarios