As auxiliares de Alcoa reivindican que "non son un dano colateral" da multinacional

Alcoa inicia as negociacións para o ERE en San Cibrao (Cervo) sen contar coas súas empresas auxiliares. Máis de 400 empregadas e empregados quedan sen saber do seu futuro e piden amparo ás Administracións. A través dunha plataforma traballan conxuntamente co comité de empresa nas mesmas demandas.  
Manifestación das auxiliares en Viveiro (Nós Diario)
photo_camera Manifestación das auxiliares en Viveiro (Nós Diario)

A situación das auxiliares de Alcoa en San Cibrao (Cervo) é cada vez máis alarmante. A multinacional non conta con elas para as negociacións do expediente de regulación de emprego (ERE) que se iniciaron o 25 de xuño e algunhas destas empresas xa realizaron despedimentos pola redución de actividade na factoría.  Desenvolven múltiples traballos para a multinacional, desde mantementos eléctricos até obra civil, pasando por caldeiraría. A diferenza doutras industrias, as empresas que dependen de Alcoa traballan dentro da propia factoría, man a man co persoal propio da empresa de aluminio.  

Unha plataforma para defender os seus dereitos

"Alcoa non quere recibirnos, non sente que a nosa situación sexa un dano creado por ela e falan de danos colaterais", explica Kike Rocha (CIG), voceiro da Plataforma das auxiliares. O seu persoal estivo presente nas reunións multilaterais grazas á intervención dos sindicatos, que propuxeron que fosen asesores mais non contan para Alcoa.

"Organizámonos coas propias empresas para solicitarlle á Xunta da Galiza e ao Ministerio de Industria o seu amparo e protección para que non se perdan os nosos postos de traballo”, relata a Nós Diario. Crearon unha plataforma coa que reivindicar os seus dereitos e contan co apoio das mesmas empresas. Uníronse a esta iniciativa  as firmas  Reymogasa, Dominion, Daorje, Mantenimientos Mafer, Pasek, Cotelsa, Cyrgasa, Terpil, Jofrasa, Noguera, Industrias Xove, Garmil, Maesa e Isotrón, Rodabell, Montaxes Rodabell Mecanizados Rodabell, Saur Xove, Talleres Noguera, Mayco, Sertosa Norte e Recalnor.

Albiscar que A Mariña pode quedar deserta

Aitor Campo (UXT), membro da Plataforma das auxiliares, traballa na actualidade para Montaxes Rodabell. Nela realiza para Alcoa mantemento mecánico na planta de aluminio en distintos departamentos, desde electrólise até fundición. A súa empresa leva desde que se fixo a factoría e traballaba para Inespal, antes da chegada de Alcoa. "Aquí só se fala dos 534 despidos mais as auxiliares quedamos en terra de ninguén, non temos amparo de ningunha institución", explica a Nós Diario. Lamenta que non teñan comunicado oficial do que se negocia máis alá do que saben polas informacións sindicais ou dos medios de comunicación. "Só teñen esa información de primeira man as traballadoras e traballadores de Alcoa", apunta.

As auxiliares xa están afectadas agora mesmo malia seguir traballando por ser declaradas esenciais como a factoría. "Houbo despedimentos e recortes en mantemento", asegura. A incerteza da situación aféctalle a nivel familiar como a maior parte do persoal da empresa. No seu caso ten parella e tres fillos. "Se fecha Alcoa A Mariña quedaría deserta, con catro pensionistas e nada máis", asegura, "as expectativas de futuro non son boas, teríamos que marchar e comezar de cero", engade. 

A única solución é a súa intervención

A plataforma de traballadoras e traballadores das auxiliares teñen este días reunións diarias co comité de empresa de Alcoa. “As peticións son as mesmas”, asegura Kike Rocha, “queremos unha intervención da factoría por parte das Administracións competentes que son a Xunta da Galiza e o Goberno español para que siga funcionando”, engade. Sinala que a factoría debería contar cun marco enerxético estábel e competitivo “para que haxa futuro”. En todo caso, o sindicalista quere deixar claro que as auxiliares “son unha parte específica do problema e non un dano colateral como di Alcoa”. 

Comité de empresa e auxiliares  convocaron en asemblea unha folga para o día 1 de xullo. A protesta iniciarase o día anterior ás 22 horas aproveitando o cambio de quenda da factoría. Ese mesmo  día haberá un acto reivindicativo ás 12 horas diante  dos edificios administrativos da Xunta, en Compostela. 

A bolsa dálle beneficios a Alcoa mentres o aluminio aumenta o seu prezo

Os laios da multinacional nas mesas multilaterais cando fala da súa situación non se sosteñen de botarmos unha ollada á súa situación na bolsa de Nova York. Nas últimas semanas foi unha das protagonistas nas sesións en medio das novas de anuncios de feches de parte das súas factorías nos Estados Unidos de América, Galiza e Asturies. A cotización das súas accións pasou esta semana do contorno dos 9,5 dólares até os 11,8 dólares, polo que a súa capitalización subiu dos 1.760 millóns de dólares até os 2.200 millóns de dólares, un beneficio de case 400 millóns de dólares. Ademais, o prezo do aluminio comeza a recuperarse até case chegar aos 1.600 dólares a tonelada. Aínda así non chega aos 1.800 dólares que tiña a finais do ano pasado. 

Comentarios