Até 33 operarias e operarios da empresa Iris Sociedade Cooperativa, compañía auxiliar do sector naval na Ría de Ferrol, serán despedidos debido ao carácter extintivo do Expediente de Regulación de Emprego de Iris, o cal foi apresentado ante a autoridade competente de concursos de acreedores.
O cadro de persoal da empresa está composto por 33 operarias e operarios, mais tan só 23 contan con contrato, xa que o resto son socios e socias da cooperativa, polo que tamén están afectados.
O plan da patronal para o cadro de persoal foi denunciado por un dos traballadores, Enrique Romero, perante as portas de Navantia Ferrol na mañá desta segunda feira 26 de agosto, após participar cos seus compañeiros e compañeiras nunha concentración que se desenvolveu diante do estaleiro ferrolán e que estivo secundada por delegados e delgadas da industria auxiliar e por integrantes do comité de empresa da compañía pública.
As causas deste ERE están para o traballador na falta de traballo e nas malas xestións da empresa
"Levamos desde o 1 de agosto de ferias, xa que aquí na planta non podemos entrar debido á débeda que mantén a empresa coa Seguridade Social e Facenda", denunciou Romero, quen puxo de manifesto que levan “tres ou catro anos con atrasos nas nóminas, das que xa se nos deben cinco e continuamos acumulando".
As causas deste ERE están para o traballador na falta de traballo e nas malas xestións da empresa.
Romero destacou que nas próximas horas estudarán a documentación apresentada pola empresa sobre o ERE. "Agora miraremos para poder chegar a un acordo", concluíu, para poder desvincularse da empresa e desta forma non continuar coa acumulación de pagos pendentes.