A Real Academia Galega (RAG) nomeou a María Dolores Sánchez Palomino académica de número, no pleno celebrado a pasada terza feira. A filóloga da Universidade da Coruña (UdC) ocupará na Academia a vacante producida tras o falecemento do arquitecto Andrés Fernández-Albalat, a finais de 2019.
A xornalista Ana Romaní era a última incorporación como académica de número, posto no que ingresou en 2019, co discurso Táctil resonancia. Da derrota dun esplendoroso veleiro, as voces flotantes e os cantos das baleas. As poetas Marilar Aleixandre e Chus Pato precedéronas no ingreso na RAG ao seren nomeadas en xaneiro e setembro de 2017.
No pleno da Real Academia Galega, que integran os académicos e as académicas de número, quedan pendentes agora as vacantes deixadas polo lexicógrafo Xosé Luís Franco Grande e a poeta Luz Pozo Garza, finados en marzo e abril deste ano, respectivamente.
Agárdase tamén o ingreso, entre as académicas de honra, da autora de Bos Aires, María Rosa Lojo, da que a Academia dixo que " a súa é unha voz está profundamente vencellada a Galiza".
"A emigración e o exilio son constantes por igual nos seus textos autobiográficos e de ficción e nos ensaios de investigación, á procura da restauración do legado galego no imaxinario arxentino como imprescindíbel elemento fundador da súa nacionalidade", matizaron desde a RAG.
En canto aos académicos correspondentes, a última incorporación foi a do autor Xavier Senín, en 2020, precedido hai dous anos polo filólogo Afonso Vázquez-Monxardín, e en 2017 polos autores Marcos Bagno, Helena González e mais Helena Villar Janeiro.
Homenaxe a Carvalho Calero "se a Covid o premite"
A celebración do pleno extraordinario do Día das Letras Galegas, dedicado a Ricardo Carvalho Calero, foi outro dos asuntos abordados no pleno ordinario da terza feira.
"Se a situación sanitaria o permite", din desde a RAG, "terá lugar na primeira quincena do mes de decembro". Esta sesión, segundo é tradición, debía desenvolverse o 17 de maio e tivo que adiarse por mor das restricións fronte á Covid-19; homenaxe que tampouco puido ter lugar o 31 de outubro, pola repunta de casos de coronavirus.