Decorreu o xuízo contra Kike Rocha, voceiro das auxiliares de Alcoa

Aumenta a represión sindical e a xudicialización dos conflitos laborais

As centrais sindicais denuncian un incremento da persecución ademais dunha resistencia por parte das empresas a estabelecer negociacións pacíficas. Algúns dos exemplos témolos no caso de Kike Rocha, voceiro das auxiliares de Alcoa, ou a denuncia de Alu Ibérica ao comité de empresa.
Concentración diante dos xulgados de Lugo en apoio a Kike Rocha. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Concentración diante dos xulgados de Lugo en apoio a Kike Rocha. (Foto: Nós Diario)

A pandemia aumentou a tensión entre as empresas e o seu persoal. Desde as organizacións sindicais enumeran varios casos de persecución e represión cara ás súas delegadas e delegados no momento de negociar convenios ou reclamar os seus dereitos. Algunhas destas situacións ocuparon páxinas nos medios de comunicación, outros quedaron máis silenciados. 

Hoxe mesmo decorreu o xuízo en Lugo contra Kike Rocha, delegado da CIG en Cotelsa, contrata de Alcoa San Cibrao (Cervo), e voceiro da plataforma coordinadora das auxiliares que estivo participando nas negociacións do expediente de regulación de emprego (ERE) na súa calidade de asesor da central nacionalista e como representante do colectivo de persoal das empresas que traballan para a multinacional americana. Ao remate das negociacións do expediente, e despois de sete anos desenvolvendo as mesmas funcións, Cotelsa cambiou ao sindicalista de posto de traballo, póndoo a realizar funcións para que as non ten a formación adecuada, cando este tipo de mudanzas non son nada habituais. Para o propio Kike Rocha esta actitude por parte da empresa “non foi casual”, segundo explica a Nós Diario. Rocha relata como desde a multinacional rexeitaban a presenza das auxiliares nas negociacións e como o seu calvario comezou ao día seguinte de rematar as conversas que tiveron lugar en Nigrán. "Cambiáronme de posto de traballo, onde levaba oito anos, para facer outro diferente no que eu non tiña formación", conta, "para nada tivo que ver cunha rotación normal que se podía dar noutros casos", engade.

A CIG entende que este ataque á liberdade sindical parte da propia Alcoa, aínda que Cotelsa executa o mandado sen polo en cuestión, é constitúe un castigo á representación do persoal das auxiliares. Nunha concentración antes do xuízo o secretario xeral da central nacionalista, Paulo Carril, aseguraba que "este tipo de actuacións patronais dannos máis forza e confirman a razón que temos neste conflito". Por iso, con esta acción xudicial e coa mobilización da pasada segunda feira, a central nacionalista quere deixar claro "que non lle imos permitir a Alcoa que, ademais de querer roubarnos o dereito a vivir e traballar dignamente na nosa terra, tamén nos queira roubar o dereito a exercer a nosa liberdade de expresión e a nosa liberdade sindical".

Alu Ibérica e a xudicialización do conflito

Outro dos casos máis coñecidos ten relación tamén con este sector e con Alcoa. A anterior factoría da Coruña vive agora inmersa nun conflito laboral que pasou dun expediente sancionador ao presidente do comité de empresa de Alu Ibérica, Juan Carlos Corbacho, até unha denuncia por agresións a toda a representación sindical. 

”Está todo moi xudicializado a través da inspección de traballo con diversas denuncias”, explica a Nós Diario o presidente do comité de empresa, Juan Carlos López Corbacho, “pedimos que se cumpran as condicións que estaban estabelecidas no convenio colectivo, no Estatuto de traballadoras e traballadoras e na Lei de riscos laborais”. Relata que a represión está “desde o primeiro día” tratando de “descualificar o comité de empresa e de abrir unha fractura no mesmo até o punto de enfrontarnos uns traballadores con outros”. 

Ricardo Castro, secretario xeral da CUT, explica a Nós Diario que nestes últimos meses notaron máis presión contra a representación sindical que nos últimos anos. "Vai ligado ao tema da Covid-19", asegura, "é unha escusa para xustificar determinadas medidas por parte das empresas con rescisións de contratos ou ameazas de ERTE".

Relata que é moi habitual agora cando negocian un convenio colectivo pór enriba da mesa "que a situación está moi mal e non hai saída". Diante dunha posición de negociación asegura que as empresas aplican "a modo de exemplo" algúns "avisos das consecuencias que poden traer" o feito de reivindicar dereitos. Por este motivo estan a ter "moitas sancións" e pon como exemplos conflitivos o caso de cargadores no peirao de Chapela ou en Urbaser onde, asegura, "non damos saído dos xulgados".
 

Comentarios