Imprimir

As aulas galegas suman outros 193 positivos desde a sexta feira pasada, até os 1.226

Redacción / Europa Press | 12 de xaneiro de 2021

(Foto: Europa Press)
(Foto: Europa Press)
Unha vintena de aulas fechadas

Desde o reinicio do curso escolar a pasada sexta feira, cando se contabilizaron 1.033 casos de Covid-19 en escolas infantís, colexios e institutos, o sistema educativo galego sumou 193 positivos, co que a cifra total de casos neste ámbito alcanza os 1.226.

No entanto, segundo o balance publicado hoxe, con datos de onte, na Galiza non permanece pechado ningún centro a causa do coronavirus, que si mantén en corentena 20 aulas, unha máis que o último parte.

Se se observan os datos por área sanitaria, A Coruña-Cee é a que máis casos asociados aos seus centros educativos rexistra, máis de 300, seguida polas de Santiago e Vigo, que exceden os 200, en consonancia coa propia situación epidemiolóxica destas áreas. As sete áreas experimentan un incremento con respecto aos datos da sexta feira.

No balance de hoxe é a da Coruña-Cee a área que máis positivos contabiliza nas súas aulas -o sábado era a segunda, tras Santiago-, con 303, o que supón 71 máis que os últimos datos dispoñíbeis. Tamén contabiliza seis aulas pechadas.

O centro máis afectado esta área, e o que ten máis positivos de Galiza, é o CPR Santa María del Mar da Coruña, con 14 casos. Séguenlle, así mesmo, o Liceo La Paz, con 11, e o CIFP Ánxel Casal - Monte Alto e o IES Manuel Murguía de Arteixo, con oito positivos cada un.

En segundo lugar sitúase Santiago de Compostela e a súa zona de influencia, con 245 positivos nos seus centros educativos, cinco máis que no último parte, e tres aulas en corentena.

Como centro máis afectado desta área está o CPR Plurilingüe Compañía de María da capital, con 12 casos activos. Tras este, como centros con máis contaxiados nna área sanitaria, están o IES de Valga, o IES Plurilingüe A Cachada de Boiro, e a María Assumpta de Noia, con seis cada un.

En terceiro lugar sitúase a área de Vigo, con 225 infectados de Covid -26 máis que o último parte- e cinco aulas en corentena. Os peores datos son os do CPR Plurilingüe Apóstolo Santiago de Vigo, con sete casos activos, e os do Plurilingüe Mariano de Vigo, o CEIP de Abelendo de Moaña e o IES Primeiro de Marzo de Baiona, con cinco cada un.

A área de Pontevedra, pola súa banda, contabiliza 126 casos, 11 mais que o sábado, e dúas aulas pechadas.  No caso da área de Ourense, incrementou en 43 os casos activos no ámbito escolar, até os 152, e mantén unha aula en corentena.  Lugo continúa sendo a segunda área con menos contaxios asociados aos seus colexios, cun total de 93, 15 máis que o último parte. Nesta área permanecen tres aulas en corentena.

Finalmente, a área de Ferrol contabiliza 82 infectados na súa comunidade educativa, 22 máis que o sábado, aínda que todas as súas aulas e centros están operativos.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/aulas-galegas-suman-outros-193-positivos-sexta-feira-pasada-ate-1226/20210112162955113584.html


© 2021 Nós Diario