Imprimir

As augas do Tea reciben a Copa de España de Slalom e as do Miño o Estatal de Remo

Redacción | 19 de febreiro de 2021

A primeira saída en Mondariz-Balneario terá lugar hoxe ás 10.30 horas. (Foto: Fegapi).
A primeira saída en Mondariz-Balneario terá lugar mañá ás 10.30 horas. (Foto: Fegapi).
230 padexeiras tomarán a saída en Mondariz e máis de 400 remeiras en Castrelo de Miño

As augas do río Tea, ao seu paso por Mondariz-Balneario, serán o escenario da primeira Copa de España de Slalom Olímpico da tempada 2021, na que participarán as mellores deportistas a nivel estatal desta especialidade deportiva. 

Como destacan desde a Federación Galega de Piragüismo, "a boa organización das probas de Copa de España das pasadas tempadas fixo que a Real Federación Española de Piragüismo (RFEO) elixise Mondariz-Balneario como escenario da primeira competición estatal".

A inscrición conta con 14 equipos e máis de 230 deportistas, sendo os conxuntos galegos participantes nesta proba os anfitrións do Club Tea de Mondariz, Piragüismo Penedo, Montaña Quixós e Deportivo Miño. 

O cartel de participantes complétano padexeiros e padexeiras de relevancia internacional como Luís Fernández, do Club Deportivo Miño; Ainhoa Lameiro e Daniel Pérez, ambas do Penedo, que seguro realizarán un bo papel nesta primeira competición do ano; ou a dúas veces medallista olímpica Maialent Chorreaut e o podio na Copa do Mundo da disciplina en 2020, Darío Cuesta.

A primeira saída da fin de semana será mañá hoxe arredor das 10.30 horas coas primeiras clasificatorias para as semifinais, e a competición concluirá o domingo sobre as 14.30 horas.

Por motivos sanitarios, desde a organización salientan que será unha competición "diferente", na que a presenza de público non estará permitida e onde se realizarán tests de antíxenos ás participantes, árbitros e membros da organización, así como controis de temperatura para todos e todas as implicadas na proba, tendo ademais cada equipo visitante unha zona asignada para a localización do seu material. 

Castrelo de Miño reúne o mellor do remo estatal

Se Mondariz-Balneario será a capital estatal do piragüismo, Castrelo de Miño serao do remo, pois acolle no día de mañá o Campionato de España de Longa Distancia.

Un total de 424 deportistas agrupados en 54 clubs diferentes tomarán a saída ás 9 horas no parque náutico de Castrelo de Miño, onde no habitual percorrido de 5.500 metros congregaranse remeiros das categorías Cadete, Xuvenil, Absoluto e Adaptado das modalidades 1x, 2x e 2-.   

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/deportes/augas-do-tea-reciben-copa-espana-slalom-do-mino-estatal-remo/20210219193224116249.html


© 2021 Nós Diario