Cultura

'Auga seca' convértese na primeira serie en galego no catálogo de HBO

A serie Auga seca formará parte do catálogo da plataforma HBO España e Portugal a partir desta cuarta feira. Rodada entre Vigo e Lisboa, está producida pola galega Portocabo e a portuguesa SP-i, e distribuída por DCD Rights. 
Fotograma de 'Auga seca' (Jaime Olmedo).
photo_camera Fotograma de 'Auga seca' (Jaime Olmedo).

A serie Auga seca convértese, a partir desta cuarta feira, na primeira serie en lingua galega no catálogo da HBO. A ficción, rodada entre Vigo e Lisboa, e producida por Portocabo e SP-i (e distribuída por DCD Rights), incorpórase ao catálogo da plataforma HBO España e Portugal, após a adquisición dos dereitos de emisión.

Rodada orixinalmente en galego e en portugués, pasa a ser, así, a primeira serie galega que se incorpora á lista da plataforma, que tamén a ofrecerá en versión dobrada ao castelán e con subtítulos en español e en inglés. O 17 de xaneiro estreouse na canle pública portuguesa RTP1, e o 7 de febreiro na Televisión de Galicia (TVG).

Auga Seca, que xa finalizou "con éxito" a súa emisión na Televisión de Galicia e na RTP, é un thriller que vira ao redor de tráfico de armas e as súas conexións co mundo empresarial. Nel, a actriz portuguesa Vitoria Guerra traballa á beira dos recoñecidos actores galegos Monti Castiñeiras e Sergio Pazos como protagonistas.

Os actores galegos Eva Fernández, Pomba Saavedra, Santi Romay, Cris Iglesias, Adrián Ríos e os portugueses  Adriano Luz, Joana Santos, Igor Regala e João Arrais son algúns dos nomes que completan o elenco internacional da serie.

Toño López asume a dirección baixo a produción executiva de José Amaral da portuguesa SP-i e Alfonso Blanco da galega Portocabo, creador da serie. O guión corre a cargo de José Rubio, Carlota Dans, Lida Fraga, Eligio Montero, Carlos Portela e Ana Míguez; mentres que a dirección de fotografía é de Ricky Morgade, a dirección de arte de Andrea Pozo e a música de Elba Fernández e Xavi Font.

Comentarios