Anxo Lamelo ofrécenos consellos para o aforro en auga, onde cada día se perden millóns de litros sen uso.
-De usar a ducha en troques do baño aforraríamos 160 litros. Un baño son 200 e unha ducha 40.
-Encher un vaso en lugar de ter a billa aberta para lavar os dentes ou afeitarse aforra de 10 a 20 litros.
-Tirar da cisterna só cando sexa preciso. Cada descarga son de 15 a 20 litros.
-Se non temos cisterna de carga reducida, podemos introducir unha botella chea de area co que conseguiremos que diminúa a súa capacidade.
-Na cociña, compre introducir a louza para lavar nunha cuba ou no vertedoiro e fregar co deterxente xusto. A auga correndo é un gasto innecesario e o exceso de deterxente conduce ao uso desproporcionado de auga. Aforro de deterxente implica aforro de auga.
-Non desconxelar os alimentos con auga, sacalos con tempo.
-Reutilizar a auga de ferver para regar as plantas. Ademais vaille aportar nutrientes.
-Regar á mañanciña ou á noitiña evita a evaporación co cal aproveita máis a auga.
-O emprego de plantas autóctonas significa tamén un aforro de auga xa que están afeitas ao noso clima e adáptanse á que xa temos.
En canto á enerxía, o aforro é igual de interesante e pode reportar unha redución importante de gasto mensual. Segundo os estudos que ADEGA manexa, o consumo enerxético no fogar repártese entre o 30% de calefacción, o 28,5% en auga quente, o 20,5 % en electrodomésticos, o 11% na cociña e o 10% en iluminación. Con estas cifras na man, aí van os consellos de Anxo Lamelo:
-Control da temperatura da calefacción. Aumentar un grao supón o incremento dun 7% consumo enerxético. A temperatura recomendábel será 18 e 20 graos polo día e entre 14 e 17 pola noite. A posición económica estaría nos 15 graos.
-Apagar os radiadores de habitacións que non usamos.
-Pechar as persianas pola noite para evitar a perda de calor.
-Un sistema de acumulación de auga quente é máis eficiente que o de produción instantánea.
-O mellor sistema de aforro é un bo illamento, dobre cristal e persianas.
-No tocante a electrodomésticos, á hora de cambialos é importante optar polos etiquetados como clase A.
-Mercar os electrodomésticos axeitados ás necesidades, non de grande tamaño por si...
-Non introducir elementos quentes nin na neveira nin no conxelador.
-Tanto lavadora como lavalouzas, compre usar con carga completa e temperaturas baixas. En auga fría gasta entre o 80 e 85% menos de enerxía.
-Evitar a secadora na medida do posíbel. O sol é gratis e ecolóxico.
-Controlar o modo standby ou o “consumo fantasma”. Só apagar os electrodomésticos e aparatos no interruptor ou nunha regleta e desconectala poden aforrar 40 euros anuais.
- Á hora de cociñar o fondo de tixolas e potas ten que ser superior á fonte de calor.
-Usar potas a presión ou se non as normais tapadas na cocción para aproveitar o calor.
En canto á iluminación:
-A mellor iluminación é a natural. Compre aproveitala cando se poda.
-Non deixar luces acesas en cuartos que non se usan.
-Mudar as lámpadas por baixo consumo. Unha de 20 aforra ao longo da vida 68 euros e custa uns 14,5 ou 15. Evita tamén a emisión de case media tonelada de CO2.