De 10 a 15 de decembro en Pontevedra

O audiovisual galego impregna a cuarta edición de Novos Cinemas

O audiovisual galego impregna de xeito transversal a programación da cuarta edición do festival Novos Cinemas, que se inaugura con Arima (Jaione Camborda) 10 de decembro e pecha con Longa Noite (Eloy Enciso) 15 do mesmo mes. Amosará tamén as primeiras imaxes de filmes como Eles transportan a morte (Helena Girón e Samuel Delgado) ou Ons (Alfonso Zarauza).

IMG_9366
photo_camera Equipa de Novos Cinemas

O Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, Novos Cinemas, chega á cuarta edición entre os días 10 e 15 de decembro.

Co potente ano que foi 2019 para o audiovisual galego, boa parte da programación xirará en torno á nosa produción autóctona. Arima, de Jaione Camborda, é o filme encargado de inaugurar o festival, mentres o novo filme de Eloy Enciso, Longa noite, será o que lle poña o punto final.

Durante ese tempo, proxectaranse en primicia imaxes de Eles transportan a morte, a nova peza de Helena Girón e Samuel Delgado, e da montaxe de Ons, a última longametraxe de Alfonso Zarauza.

Tamén terá lugar a primeira presentación pública de CINEGALICIA 2019, un proxecto que xorde como conmemoración do 30º aniversario de Cinegalicia —lembrando a estrea de Continental, Sempre Xonxa e Urxa. Un grupo de traballadoras e traballadores da cultura que aínda non cumpriron eses trinta anos, decidiron celebrar a efeméride desde múltiples áreas da creación, o vídeo, a crítica, a música ou o deseño.

Retrospectiva e sección oficial

O evento oferecerá en exclusiva a primeira retrospectica do cineasta Bas Devos, cun programa que repasará a súa obra a través de tres filmes que son estreas na Galiza: Ghost Tropic, Hellhole e Violet.

O festival componse de dúas sección competitivas, a Oficial e Latexos. A primeira presenta un programa heteroxéneo con nove primeiras ou segundas longametraxes, case na súa totalidade inéditas na Galiza, mentres a segunda escolma cinco filmes cun alto grao de auto consciencia, tamén sen proxección previa na nosa terra.

Profesional e educativo

Novos Cinemas continúa a ser punto de encontro para o sector profesional a través de varias vías, como as mesas de desenvolvemento de proxectos, nas que se presentan programas dirixidos a autores noveis; ou a Mesa Proxecta, na que Álvaro Dosil (responsábel pedagóxico de Curtocircuíto), Marcos Nine (director Artístico de Cinema Crianza) e José Luis Cienfuegos (director do Festival de Cine Europeo de Sevilla) compartirán as súas experiencias sobre audiovisual e educación.

Por outra banda, LAB conformará un espazo de promoción de proxectos cinematográficos internacionais mediante o encontro entre cineastas noveis e profesionais de recoñecida traxectoria.

O festival desenvolve ao tempo un labor importante na formación das estudantes do Campus de Pontevedra da UVigo, institución coa que colabora. Nesta liña formativa, desde Novos Cinemas tamén se levan a cabo obradoiros e visitas formativos a centros de ensino durante todo o ano.

Tamén para crianzas

Para alén do máis, durante a celebración desta edición de Novos Cinemas, a organización anima ás crianzas a participar nun Obradoiro de creación de GIFs animados ou na exhibición de O xigante de ferro, celebrando o 20 aniversario dun dos filmes de animación máis relevantes da última década do século pasado.

Comentarios