Análise

A Audiencia Nacional sae en defensa da monarquía

Pontón considera as dilixencias ‘uns feitos graves’

Felipe VI, canda o presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial ,Carlos Lesmes na apertura do ano xudicial.
photo_camera Felipe VI, canda o presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial ,Carlos Lesmes na apertura do ano xudicial (Europa Press)

Sucédense ás reacción diante da decisión  da Fiscalía da Audiencia Nacional de abrir dilixencias previas por un delito de inxurias á coroa contra o vicepresidente da Generalitat de Catalunya, Pere Aragonès, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón e a líder de Adelante Andalucía, Teresa Rodríguez. Precisamente, esta última valorou a decisión xudicial sinalando que o procedemento legal “a min non me dá ningún medo” e considerando como “inmoral ter o diñeiro en paraísos fiscais, diñeiro de procedencia dubidosa cando menos, mentres este país lle deu toda a esa persoa e a esa familia”.

“Eu vou seguir criticando á Coroa e a Juan Carlos I pola súa amoralidade e tamén pola incapacidade que ten este país de poder xulgar delitos do monarca como de calquera outro cidadán”, recalcou Rodríguez, que uns días antes en parcería co dirixente de Anticapitalistas, Miguel Urbán asinou un artigo onde sinalou que “a morte do “juancarlismo” representa un autentico proceso de deslexitimación dos piares centrais do réxime español de 78: monarquía, sistema xudicial, marco “nacional-territorial” e crise de representación”.

Ana Pontón expresou, tamén, a súa opinión respecto da apertura das dilixencias por parte da Fiscalía da Audiencia Nacional. Así, nunha entrevista ofrecida ao programa Hora 25  da Cadea Ser amosouse sorprendida coa decisión, sinalando que “con todo o que está pasando, parece moi sorprendente que se nos abran dilixencias previas. Pensei que se ía arquivar sen ningún tipo de trámite”. Neste liña, destacou que “o propio Felipe VI sinalou que a fortuna do rei emérito é ilícita” ao anunciar a súa renuncia á mesma e engadiu que “a inviolabilidade do rei non pode converterse en impunidade”.

‘Un Estado onde se persigue a liberdade de expresión’

 “Non me podo crer que de toda esta fortuna que conseguiu durante anos, segundo parece, por vías ilícitas, ninguén máis na Casa Real soubera nada. O que hoxe reclama a maioría da cidadanía é que se investigue a corrupción da Casa Real e que se cuestione a propia monarquía, que é unha institución anacrónica e antidemocrática”, afirmou Pontón quen considera que “non se pode permitir a impunidade por moito que te apelides Borbón”. “Preocúpame que vivamos nun Estado onde se persigue a liberdade de expresión”, rematou a portavoz nacional do BNG quen manifestou que “ante uns feitos tan graves ningún demócrata pode permanecer impasíbel”. 

Esquerra Republicana de Catalunya respondeu á a apertura de dilixencias contra o seu coordinador xeral e vicepresidente da Generalitat de Catalunya, Pere Aragonès presentando mocións en todos os concellos, onde solicita a retirada de honras a Juan Carlos I e reprobación da a actuación do Goberno español na fuxida do rei emérito. Segundo puido saber Nós Diario de fontes da formación, “actualmente estamos analizando cos nosos servizos xurídicos o procedemento porén a pelota está no tellado do PSOE pola súa responsabilidades na Fiscalía”.

A organización nacionalista remitiuse, ao tempo, a un comunicado asinado en 6 de agosto canda o BNG, Mes de Mallorca e Adelante Andalucía onde se valorou a presentación da denuncia. No mesmo, “as catro forzas responden conxuntamente que non se deixaran intimidar por unha denuncia que non ten pes nin cabeza e que é un intento de coartar a liberdade de expresión”. Asemade, consideran que “a monarquía borbónica é unha institución expoliadora e corrupta, e o máximo garante do réxime do 78. Por iso, as catro forzas sempre expresaron o noso compromiso republicano e a nosa denuncia á Casa Real e a todo o que representa”  

Comentarios