Imprimir

A Audiencia Nacional rexeita a caducidade total da concesión de Ence

A. Barbadillo | 23 de maio de 2020

O veredicto rexeita un recurso da APDR e valida a caducidade parcial que fixou o Ministerio en 2015. (Europa Press)
O veredicto rexeita un recurso da APDR e valida a caducidade parcial que fixou o Ministerio en 2015. (Europa Press)
A Audiencia Nacional acaba de desestimar o recurso interposto pola Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) contra a resolución na que o Ministerio de Medio Ambiente declarou a caducidade parcial da concesión de ocupación dos terreos de dominio público marítimo terrestre onde se asenta a fábrica de Ence de Lourizán, Pontevedra, emitida en 2015 e ratificada en 2016. 

No recurso, a plataforma cívica aspiraba a unha caducidade total da concesión deses 612.500 metros cadrados, como tamén reclamara o Concello de Pontevedra, diante dos "graves incumprimentos" das condicións impostas no título de 1958 –cando se lle concedeu a ocupación dos terreos, inicialmente por 75 anos e prorrogada polo Goberno en funcións de Mariano Raxoi en 2016 até 2073– en relación coa contaminación producida pola pasteira. 

Igualmente, o recurso da APDR aludía a unha "alteración do obxecto da concesión", pola produción de enerxía por parte da fábrica de papel que, a ollos da plataforma, xustificaría a fin da concesión, como tamén o faría a "infracción" á lei de costas que supón o incremento "substancial" da superficie, máis de 10%. Por último, o recurso esgrimía as "modificacións subxectivas" producidas na concesionaria durante o proceso de privatización, "que deberían ter sido autorizadas pola Administración".

A compañía, tras coñecer a resolución da sala do contencioso-administrativo, salientou no día de onte que a sentenza desbota "todos os argumentos" da asociación en contra da fin da concesión, incluída a xeración de "efectos prexudiciais para o medio ambiente". Segundo a valoración  de Ence, o ditame remítese na súa resolución á Autorización Ambiental Integrada (AAI) "que se atopa en vigor" e indica que o recurso da asociación non acredita que se teña incumprido. 

 O grupo empresarial valora que a resolución afonda no posicionamento que xa manifestara a propia Audiencia Nacional cando, en decembro de 2018, resolveu, no mesmo sentido, o recurso do Concello de Pontevedra, argumentación á que se remite no último ditame. 

Para a asociación recorrente,  a Audiencia Nacional reproduce argumentos do ditame ao recurso do Concello de Pontevedra, polo que "tendo en conta algúns precedentes, o resultado era agardado", mais "non fai mudar en absoluto a situación da empresa no que á súa continuidade en Lourizán se refire". 

"Na APDR seguimos entendendo que existen razóns abondo para decretar a caducidade total de Ence –algunha delas, similares ás consideradas para decretar a caducidade total de Elnosa–", sinala a entidade recorrente nun comunicado, no que avanza que estudará a posibilidade de presentar un novo recurso perante o Tribunal Supremo.

A Xustiza aínda ten por resolver aínda outros tres recursos presentados pola APDR, o Concello de Pontevedra e a asociación ecoloxista Greenpeace contra a prórroga concedida polo Goberno Raxoi durante 60 anos máis. Está previsto que a Audiencia Nacional se pronuncie contra finais de ano. 

No seu día, a Avogacía do Estado desistiu da defensa da prórroga a Ence, no marco dos tres procedementos abertos, ao considerar que a prolongación da concesión do Goberno en funcións do PP en xaneiro de 2016 non foi "conforme a dereito".

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/audiencia-nacional-rexeita/20200522211727098230.html


© 2020 Nós Diario