A Audiencia Nacional investiga a venda das plantas de Alcoa da Coruña e Avilés

Investiga se os empresarios puxeron a empresa en mans de sociedades pantalla para evitar salvar os postos de traballo.

 

alcoa

A Audiencia Nacional abriu unha investigación penal ao redor da venda das plantas de Alcoa en Avilés e A Coruña, segundo avanzou a Cadena Ser. A xuíza María  Tardón puxo o caso en mans da  UDEF despois de recibir unha querela da Confederación de Cadros Profesionais que acusa de cinco delitos, entre outros, aos compradores das plantas por manobrar de forma ilícita para non salvar os postos de traballo de case 700 persoas.

A venda das plantas da Coruña e Avilés de Alcoa ao fondo de investimento suízo  Parter Capital anunciouse no verán de 2019, vendendo ambas as fábricas de aluminio por un prezo simbólico inferior a un euro e ofrecéndose a inxectar cen millóns de euros para manter durante dous anos os 688 postos de traballo. Despois  Parter  revendeu estes activos ao grupo industrial Riesgo.

Segundo a querela que admite a trámite entón principiaron as manobras. Alcoa reduciu drasticamente o seu capital social, cambiou de administrador e denominación social con movementos tamén en  System Capital  Management e os seus socios terminando coa venda ao grupo Riesgo. Os socios da empresa que finalmente xestionou todo, denuncia a querela, non tiña capacidade para facelo e ese era o plan desde o principio.

Segundo a querela, estas manobras "levaron a que a titularidade das dúas factorías termine en mans de empresas pantalla sen capacidade nin para levar a cabo o Plan de Negocios, nin o do pagamento dos salarios dos traballadores, nin o do investimento, co que se frustra o obxectivo final da negociación, a  salvagarda dos postos de traballo". Isto tamén eximiría a Alcoa de realizar o investimento ao que se comprometeu.

A xuíza lembra no seu auto como a xurisdición social xa declarou probada a mala fe de Alcoa nos máis de 500 despedimentos anulados recentemente na planta galega de San Cibrao.

Comentarios