A Audiencia Nacional española condena a 2 anos de cadea o rapeiro Pablo Hásel

O rapeiro catalán foi acusado de enaltecemento do terrorismo pola súa canción Democracia su puta madre. Segundo o tribunal "o discurso do odio non está amparado pola liberdade de expresión". 

hasel
photo_camera [Pablo Hásel]

Pablo Hásel foi condenado pola Audiencia Nacional española esta terza feira a dous anos de cadea por un delito de enaltecemento do terrorismo. O tribunal, que apelaba á canción Democracia su puta madre para xustificar as acusacións, asegura na súa sentenza que "o discurso do odio non está amparado pola liberdade de expresión". 

O rapeiro catalán negou durante a vista oral do xuízo que a súa música enalteza o terrorismo ou humille as vítimas da violencia, porén para a maxistratura cancións como Democracia su puta madre --na que pide a liberdade para Manuel Pérez Martínez 'Camarada Arenas', ex-secretario xeral do PCE(r)--  aluden a "bandas terroristas e algúns dos seus membros" polo que constitúen un delito de enaltecemento do terrorismo. 

Na súa declaración Hasel asegurou que "ninguén me ten que dicir a quen admirar nen a quen considero heroe" e afirmou ser libre para pensar que os integrantes dos Grapo non lle parecen terroristas. 

Após ser detido pola policía española unha maré de artistas e persoas anónimas exixiron através das redes sociais a súa posta en liberdade. Grupos como Los Chikos del Maíz, Arma X, KOP, Obrint Pas ou Cesk Freixas apoiaron a absolución do rapeiro e denunciaron coa súa sinatura "o arresto indiscriminado" e o golpe á "liberdade de expresión" que supuña a súa detención. 

Finalmente o tribunal, condénao a 2 anos de privación de liberdade. 

Comentarios