A Audiencia Nacional arquiva a causa contra Júlio Saiáns, a quen Interior responsabilizou das finanzas de Resistencia Galega

O independentista, veciño de Ferrol, foi detido o 29 de outubro á noite na súa casa canda Silvia Casal e Martiño, fillo de amb@s e que naquela altura tiña oito meses. 

photo_camera [Saiáns nunha imaxe de arquivo]


A Sala do Penal da Audiencia Nacional española ditou auto de sobresemento da causa aberta en febreiro de 2013 contra Júlio Saiáns, veciño de Ferrol que fora detido en outubro de 2012 en calidade de "tesoureiro e máximo responsábel" do que o Ministerio de Interior denominou "aparello de financiamento" da organización armada Resistencia Galega. 

Por tanto, Saiáns non será xulgado. Segundo recolle o documento xudicial ao cal tivo acceso Sermos Galiza, a fiscalía da AN adheriuse ao argumentario do avogado da defensa, Manuel Chao, ao non atopar "causa debidamente xustificada" para o acusar de ningún dos delitos por cuxos indicios ía ser procesado: integración en organización terrorista ou colaboración con organización terrorista. As dúas posibilidades --integración ou colaboración-- ficaron abertas desde o 6 de febreiro, cando o xuíz Eloy Velasco ditou auto de procesamento. 

A fiscalía da AN recoñece que non hai proba suficiente

Porén, segundo informou a defensa en conversa con este xornal, a carta manuscrita de cuxa autoría se responsabiliza a Saiáns "foille atribuída sen comprobación caligráfica e interpretada no sentido de que nela se dá conta dun financiamento irregular" que non foi probado. Após o recurso presentado contra o auto de procesamento, a fiscalía da AN admitiu que non había probas para continuar coa causa e solicitou a conclusión do sumario e o arquivo da causa.

Detido a noite do 29 de outubro na vivenda que partillaba coa súa compañeira, Silvia Casal, e a súa crianza de oito meses --tamén submetid@s á lexislación antiterrorista-- Julio Saiáns quedou en liberdade o 11 de decembro. Cumpriu un mes e unha semana de prisión preventiva, dispersado ao centro penitenciario de Soto del Real. O xuíz impuxo unha fianza de 6.000 euros como condición para a posta en liberdade provisoria namentres o nome de Silvia Casal, a quen Interior vinculou tamén co aparello de financiamento de Resistencia Galega, nen sequera apereceu no sumario

Ten dereito a ser indemnizado polo tempo en prisión?

Transcorridos seis meses desde que lle foi comunicado o auto de sobresemento --o tempo que tarda en se facer definitivo e non recurríbel-- Saiáns ten dereito a reclamar ao Estado unha indemnización polos danos ocasionados.

Porén, o certo é que a xurisprudencia é abundante na liña de que tal responsabilidade non se asume ao alegar que, dunha banda, que a detención se produciu cando existían indicios suficientes na súa contra e que a prisión preventiva se ditaminou con todas as garantías procesuais. Da outra, acrecentan diferentes sentenzas xudiciais que o arquivo da causa non recoñece a inocencia do encausado, senón a falta de proba que demostre a súa responsabilidade nos feitos que se lle atribúen. 

O que si recuperará Júlio Saiáns é a fianza de 6.000 euros que a súa familia e achegad@s afrontaron para que puidera acceder á liberdade provisoria. Mais non será tampouco até dentro de seis meses, cando a causa contra el fique definitivamente pechada.

Comentarios