Audiencia Nacional absolve ex-cúpula de Caixanova pola operación en Rivas

Julio Fernández Gayoso á súa chegada á Audiencia Nacional para ser xulgado

A Sección Cuarta da Sala do Penal da Audiencia Nacional absolveu catro exdirectivos da antiga Caixanova, entre eles o ex presidente Julio Fernández Gayoso, que foron xulgados por unhas operacións inmobiliarias na localidade madrileña de Rivas-Vaciamadrid, feitos polos que tanto Fiscalía como Avogacía do Estado solicitaban 4 anos de prisión por delito societario continuado na súa modalidade de administración desleal de xestión fraudulenta de patrimonio social.

Ademais de Fernández Gayoso, o tribunal absolveu o ex director xeral da entidade José Luís Pego, o exdirector da División Comercial Gregorio Gorriarán e o exdirector da División de Planificación Financeira e Control Domingo González Mera, ao considerar que das súas declaracións, ratificadas pola abundante testifical e pola proba pericial e documental grazas á "valiosa" achega de Abanca, pode concluírse que os acusados desempeñaron a función que lles era propia do cargo que ostentaban.

Segundo os maxistrados, na tramitación do expediente sobre as operacións inmobiliarias "non só se seguiron os mesmos pasos que en resto, senón que dentro de cada departamento ou área sometida ao control" de Gorriarán, González e Pego as decisións eran "colexiadas" e "unánimes", sen que "ningún dos empregados nelas recibise a menor presión ou influencia en sentido algún".

Comentarios