A Audiencia deixa en mans do goberno de Rajoy a entrada en prisión de Carlos e Serafín

A Audiencia vén de desestimar o recurso do fiscal co que a entrada en prisión dos traballadores Carlos e Serafín depende só da resolución do indulto por parte do Consello de Ministros. A noticia coñécese despois das multitudinarias mobilizacións de apoio á liberdade sindical. 

Carlos e Serafín
photo_camera Carlos e Serafín

A Audiencia Provincial de Pontevedra desestima o recurso presentado pola Fiscalía contra a decisión da xuíza de suspender a entrada en prisión de Carlos Rivas e Serafín Rodríguez. A información coñécese o día despois de concentracións e manifestacións multitudinarias apoiaren a liberdade sindical e mostraren o rexeitamento á condena dos traballadores pola defensa dos dereitos laborais. Carlos Rivas e Serafín Rodríguez están condenados a tres anos de prisión por participaren nun piquete e viven pendentes da petición de indulto que terá que resolver o Consello de Ministros. 

Unha vez a Audiencia Provincial fai pública a desestimación do recurso da Fiscalía, xa todo fica en mans do goberno que terá que decidir se lles concede a medida de graza ou teñen que ingresar en prisión. Foron os propios Carlos e Serafín os que informaron da resolución xudicial na manifestación de Vigo e mostraron o seu alivio polo posicionamento da Audiencia Provincial. 

"Só queda agardar a decisión única do Consello de Ministros"

“Só queda agardar a decisión única do Consello de Ministros”, sinalou o secretario comarcal da CIG Vigo, Serafín Otero despois de mostrar a súa satisfacción pola resolución da Audiencia e esixir, máis unha vez, a concesión do indulto a dúas “persoas inocentes que non fixeron nada, como moito defender os dereitos dos traballadores/as, algo polo que non se pode ir á cadea”.

O manifesto conxunto das tres centrais sindicais CIG, CCOO e UGT nas mobilizacións desta segunda feira esixía ao PP que pasase das palabras aos feitos e rematase xa coa agonía de Carlos e Serafín e as súas familias, concedendo o indulto que o seu propio partido apoiou en institucións como o Parlamento Galego ou diversos concellos. 

Comentarios