Audasa descobre por primeira vez coa Covid-19 o que é perder diñeiro

Por primeira vez na súa historia recente, desde que se completou o trazado entre Ferrol e Tui, Audasa, a concesionaria da autoestrada AP-9, vén de presentar un resultado negativo. No primeiro semestre do ano a compañía perdeu 665.000 euros, mais a caída do tráfico foi superior á rexistrada na facturación.
En 2021, 70% do total de accidentes mortais tivo como protagonistas vehículos de máis de dez anos (Foto: Punto GA / M. Riopa)
photo_camera Autoestrada AP-9 ao seu paso por Compostela (Foto: Punto GA / M. Riopa)

Despois de décadas a encher os petos cos cartos das galegas e galegos que usan a AP-9 para os seus desprazamentos ordinarios, Audasa, a concesionaria da autoestrada que vertebra Galiza de norte a sur, vén de descubrir o que é perder diñeiro por primeira vez na súa historia. 

Segundo figura nos resultados semestrais remitidos hoxe por Audasa á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), a compañía rexistrou unhas perdas por valor de 665.000 euros entre xaneiro e xuño deste ano como consecuencia da baixada de usuarias. "A forte contracción do tráfico reduciu a facturación do semestre en 34,6% até os 46,7 millóns de euros", explica a concesionaria no comunicado.

A pesar da diminución do tráfico, Audasa ingresou máis de 255.000 euros ao día, e iso que a caída de usuarias foi maior que a da facturación. Até xuño, 14.798 vehículos empregaron de media a diario a autoestrada, o que supón 35,99% menos en comparación cos 23.118 que transitaban por término medio no primeiro semestre de 2019. 

O tráfico diario da autoestrada alcanzou o seu mínimo semestral no mes de abril, durante o confinamento, con 5.440 vehículos. O desconfinamento, segundo resalta Audasa na súa comunicación, "permitiu triplicar a circulación diaria até os 17.971 vehículos, aínda que 28,8% por baixo das cifras de xuño de 2019".

Progresión truncada

A tendencia de mellora rexistrada en xuño tivo continuidade en xullo. As cifras facilitadas por Audasa a Nós Diario así o confirman. Nese mes, circularon de media ao día 24.736 vehículos, 13,65% menos que no mesmo período do ano anterior. 

Porén, en agosto, o aumento dos gromos volveu incidir con forza no tránsito de vehículos, que se viu reducido a 24.220 de media, 18,86% menos con respecto aos 29.850 que circulaban de media no mesmo mes de 2019. 

Con todo, o comportamento da AP-9 foi mellor que o doutras autoestradas de peaxe. Como destaca a propia concesionaria, pasou "de ser a sexta do Estado español en circulación media diaria de vehículos en 2019 á quinta no primeiro semestre de 2020", e continúa por enriba da media.

A Covid-19 marca o ritmo

A incidencia da Covid-19 está a marcar dun modo determinante a evolución de tráficos nesta autoestrada. Audasa dixo no seu día que non solicitaría compensacións ao Goberno español pola caída de tráfico. De feito, tamén evitou medidas traumáticas en materia laboral. "A pesar da baixada da mobilidade, a actividade da concesionaria foi considerada como un servizo esencial e permaneceu inalterada e sen aplicar expediente de regulación temporal de emprego (Erte) até a data", subliña a compañía, que lembra tamén no seu comunicado algunhas das medidas adoptadas para afrontar o impacto do coronavirus, encamiñadas a preservar a liquidez, así como "un compromiso polo emprego e o fomento do teletraballo".

A Covid-19 tamén levou Audasa a priorizar as vías de pago automáticas, segundo indica, "para impulsar a seguridade". No primeiro semestre do ano, e en comparación co mesmo período de 2019, o cobro automático aumentou 5,7 puntos e utilízase xa en 92,4% das viaxes. No mes de xuño, 174.548 vehículos empregaron dispositivos de telepeaxe, segundo datos facilitados pola compañía.

No seu balance semestral, a firma que xestiona a AP-9, e que este ano practicou a maior subida de tarifas de toda a rede de autoestradas do Estado español, defende que o prezo medio de peaxe para vehículos lixeiros mantense en 0,116 euros/quilómetro, asegura que está 7,2% por baixo da media estatal.

Pendentes do orzamento

Mais as peaxes poden baixar moito máis aínda se o Goberno español cumpre co acordo de investidura asinado co BNG. Como explica a Nós Diario o deputado Néstor Rego, están á espera de que se convoque a comisión mixta de transferencias, unha vez tomou posesión o novo Executivo galego, para abordar o traspaso da titularidade da autoestrada. "Agardamos que se convoque en breve, porque é un dos compromisos do acordo de investidura", sinala Rego.

Nese documento figuran tamén outras medidas que afectan á esta infraestrutura. Así, o BNG arrancou de Pedro Sánchez un compromiso para bonificar as peaxes ás persoas usuarias recorrentes, asumir os incrementos dos convenios de 2011 e 2013 ou estabelecer a gratuidade do tramo entre Vigo e Redondela

"As bonificacións e demais dependen de que haxa orzamentos. O próximo mes será decisivo de cara a saber en que ámbitos se avanza, que nós contamos que sexa no cumprimento do acordo, que é fundamental", indica Rego. "Nós cumprimos e agora o Goberno e o PSOE terán que cumprir a súa parte", conclúe.

Comentarios