Opinión

Atónito

É ás veces o meu estado. E non o é por desexado ou desexábel. Porén, é a consecuencia lóxica nun contexto tan preocupante por caótico e banal, no que parece ter desaparecida a pouca cavilación e análise crítica, a fondo, que unha situación como a deste capitalismo tardío e as súas formas de desigualdade e opresión necesitaba. Máis en concreto, como atinxe Galiza, o noso país, tantas veces anónimo, como innomeábel, unha especie de tabú, mais tan necesitado de ser tomado como referencia polos seus propios habitantes, xa na política, na economía, na ideoloxía ou nos sentimentos positivos e conducentes á acción. Ou alguén coida que vai haber futuro, de non ser así, para algo que, queiramos ou non, existe: o pobo galego?

Deixando á parte a facilidade coa que a maioría social afasta os males que lle proen das causas profundas que os provocan (o modelo do Estado, o da Unión Europea, o sistema capitalista imperial….), o que máis atónito me ten é como se instalou con naturalidade a política de aparencias ou a dos xestos simbólicos que a nada de práctico obrigan. Parece que se aceita, con serenidade e convicción, que, cando hai malos solemnes, o PP, debe haber bos que fagan o que fagan, teñen xustificada a súa conduta por adiantado. No peor dos casos, hai que relativizar as súas incongruencias, fraudes, incapacidades, ou despropósitos, por tratárense de algo mediaticamente alternativo, supostamente novo e por iso moralmente superior. Imos concretar algo máis.

O que máis atónito me ten é como se instalou con naturalidade a política de aparencias ou a dos xestos simbólicos que a nada de práctico obrigan

Fiquei atónito coa operación teatral, tan aparente e falta de credibilidade para calquera analista con rigor, que se montou para vender En Marea que se pretendía ter un grupo parlamentario galego no Congreso, cando todo foi deseñado para que for imposíbel, como corresponde ao sucursalismo estatalista que dominou a operación da denominada confluencia Podemos-IU-Anova. Houbo acenos, cacarexos e rechouchío, unha operación de lexitimidade, con destino ao consumo dos nacionalistas conscientes que se sumaron á operación, naturalmente todo condicionado pola existencia e posición do BNG. Claro que a atonía pasou a ser pasmo ao ver o comportamento posterior dos deputados e deputadas de En Marea no Congreso, tan docilmente acubillados e submisos no Grupo Parlamentario de Podemos.

A tan locuaz como desaparecida, cando convén, Iolanda Díaz, xa ben situada na Corte, advertiu que non se ían ao Grupo Mixto porque alí só poderían falar dous minutos ao ano. Madia leva!!! Como se pode mentir con tanto descaro? Todo o mundo puido comprobar no noso país cal foi a capacidade de intervención do BNG no Congreso desde o Grupo Mixto, durante vinte anos. Todo o mundo pode informarse sobre as condicións de funcionamento dese Grupo, formado normalmente por diferentes forzas políticas independentes, distintas e con perfil propio, todas elas con dereito á intervención, en maior ou menor medida, segundo o número de escanos que teñan. Só partindo da firme convicción de a maioría carecer de información e poder manipulala con falsidades, pode terse semellante atrevemento. Nin nos seis meses que houbo de lexislatura interviñeron os seis deputados e deputadas de En Marea o que, en dúas semanas, dous deputados-as do BNG de calquera das lexislaturas, entre 1996 e 2015. Non en balde, Compromís foise ao Grupo Mixto para garantir a súa iniciativa, personalidade e capacidade de decidir por si mesmo.

A tan locuaz como desaparecida, cando convén, Iolanda Díaz, xa ben situada na Corte, advertiu que non se ían ao Grupo Mixto porque alí só poderían falar dous minutos ao ano. Madia leva!!! Como se pode mentir con tanto descaro?

Estou atónito coa facilidade coa que o discurso novo e rebelde obvia aquí a referencia ao pobo galego ou a Galiza por resultarlle esencialista. É inversamente proporcional á proclividade que mostra a favor da irmandade entre as cidades españolas nas que gobernan, por non falar da súa impotente pulsión europeísta, devecendo por unha alternativa global para este marco. Non me deixa de preocupar, como contraste, a súa indisposición e indiferenza a crear lazos de fraternidade entre as cidades galegas e as súas institucións de goberno. Ou a súa nula preocupación por un marco galego de decisión política, como factor decisivo para inverter a tendencia  negativa que, en tantos aspectos, escurece o futuro de Galiza, as cidades incluídas, a comezar polo sistema de financiamento autonómico e local. 

Nunca esperei ver un deputado galego, poeta de renome no país, exercendo a función de portavoz de Podemos e as obedientes confluencias, na Comisión de Cultura do Congreso, facendo gala dunha mansedume reverencial, no ton, nas formas, e na análise, ás institucións académicas do Estado español como a RAE, ou eloxiando ao seu presidente como máxima autoridade cultural. Xa non me vou referir a facer de devoto cervantista sen o menor perfil propio, reducido ao consabido ataque ao PP, desta vez, nada menos,  acusado de partido que non fai dabondo no centenario en curso en homenaxe  a Cervantes, en contraste co entusiasmo do conservador Cameron por Shakespeare. 

Nunca esperei ver un deputado galego, poeta de renome no país, exercendo a función de portavoz de Podemos e as obedientes confluencias, na Comisión de Cultura do Congreso, facendo gala dunha mansedume reverencial

Fiquei abraiado, sen capacidade de reacción ponderada, cando me aseguraron que o alcalde coruñés rebelde asistiu, e nada menos que como pregoeiro, á Feira de Abril que organiza a Casa de Andalucía de La  Coruña (sic), onde non tivo a prevención que emprega con Galiza, referíndose ao pobo andaluz como pobo traballador. Calquera  político sabe a que afán responde inzar Galiza de feiras de abril andaluzas. É unha das armas para afondar na mímese esperpéntica dun pobo colonizado, que debe ser todo culturalmente menos el mesmo. 

Fico enviso, circunspecto, observando, un día tras outro, a incapacidade de xestión, a nula eficacia, e o continuísmo nas cuestións máis de fondo, do que fan gala os gobernos rebeldes das nosas cidades. Nin sequera teñen capacidade de diálogo democrático, igualitario, cos que colaboraron co seu voto a eles facérense coas alcaldías. Aínda enriba, chega a nova política a facer propostas, certamente algunhas disparatadas, onde non gobernan, isto  é, para aplicaren aos demais, que eles non practican onde poderían facelo. Todo un modelo de incoherencia e de inconsecuencia demagóxica. É notábel a súa  propensión a intentar tapar con xestos simbólicos rechamantes a súa nula disposición a  facer algo real, práctico, alternativo, ao que era a política municipal dos seus deostados predecesores neses gobernos, o Partido Popular. Por limitarme á cidade na que vivo, Ferrol, nin no tema do saneamento, nin en relación ao convenio con Defensa, nin respecto do transporte público, houbo a mínima mudanza.

Fiquei abraiado, sen capacidade de reacción ponderada, cando me aseguraron que o alcalde coruñés rebelde asistiu, e nada menos que como pregoeiro, á Feira de Abril que organiza a Casa de Andalucía de La  Coruña (sic)

O modelo de democracia e asemblearismo que practican é un chiste a efectos prácticos. Desde logo, é difícil ver algo máis cupular, antidemocrático e controlado por acordos e pactos previos, secretos, na forma de elaborar as listas e de pactar condicións de todo  tipo, que a cociñada entre Podemos, IU e Anova aquí na Galiza – de Podemos en España, xa nin vou falar-, por máis que se lle dea despois unha pátina de presentabilidade a través dunhas  bases que ben poderían recibir o nome de mareantes pola súa itinerancia, seren duplicidade dos partidos devanditos e a súa propensión a concluír sobre papel mollado. Unha das fraudes decisorias con visos coloniais foi a de, con retraso e mímese, as bases votaren para decidir a posición respecto dun hipotético acordo co PSOE e Cidadáns, cando estaba xa máis que sentenciada a posición en Podemos e por un resultado consabido e esperado en España. Recoméndolles que intenten distinguirse por algo máis orixinal e críbel e da súa propia iniciativa.

Estamos asistindo a outra das fraudes impávidos e algúns con submisión de acólitos coa esperanza de se integraren, con algún papeliño, para as eleccións autonómicas. Refírome, á normalidade coa que se asume, de cara ás elección xerais próximas, que está todo atado e ben atado, e no camiño correcto, repetindo candidaturas e fórmula de concorrencia, malia a evidencia de non ir haber grupo parlamentar propio. De tal forma que as discrepancias xorden só en función das futuras autonómicas para ver quen controla a través de maiores cotas de presenza, encabezamento das listas, candidatura á Presidencia da Xunta e, sen expresalo con claridade, no fondo, a posición política respecto de Galiza no Estado. Á beira, como de esmoleiros, algúns que se din nacionalistas celebran, extramuros, ritos de adulación falando de non sei que necesario alongamento da unidade, para derrotar ao PP, á sombra dun carismático xefe indíxena, que, angustiado polo seu lóxico e a cada paso máis progresivo desprazamento por conta dos poderes imperiais cos que pactou, ameaza agora, mesmo coa posibilidade de recuperar a senda nacionalista. Tarde piaches. Por certo, frase do Quixote. É un cacarexar vacuo, oportunista, falto de credibilidade, que, nas actuais circunstancias, xa non mete ningún medo aos que controlan, de verdade, a situación interna de En Marea, e teñen claro que a operación de acoso e derrubo do nacionalismo na Galiza xa se fixo, en todo o posíbel, e a lexitimación, desde dentro, dun aparente hibridismo redentor tamén. E non vou falar do lamentábel espectáculo que, aínda así, corroe a imaxe desta nova e rebelde alternativa, unicamente obsesionada polas eleccións, até tal extremo que, aínda estando na crista da onda electoralmente, é incapaz de que haxa certa harmonía, sosego e facilidade para acordar entre eles sobre a cuestión. De todo o demais, nada teñen que discutir: xa falan en Madrid por eles, e vense reflectidos perfectamente na Sexta de España. 

Un carismático xefe indíxena, que, angustiado polo seu lóxico e a cada paso máis progresivo desprazamento por conta dos poderes imperiais cos que pactou, ameaza agora, mesmo coa posibilidade de recuperar a senda nacionalista. Tarde piaches

Non cabe dúbida de que o capitalismo tardío posibilita festas políticas deplorábeis e tolera a demagoxia infantil para gusto dos que acreditan en Mesías televisivos e a distancia. Nesta festa política, o pobo galego non pinta nada. Pinta como asaltar o poder político en España coas postas en escena máis choqueiras e as prácticas e actitudes máis vellas e condicionadas, vendendo ilusión que vai guiada polo individualismo caudillista, o moralismo que acaba por feder a cínico, o valor da aparencia na dirección que se precise en cada momento, e un suposto hibridismo que agocha e pretende perpetuar a xerarquía e desigualdade entre as distintas nacións, culturas e linguas do Estado, cunha nova lexitimidade. É para estar atónito, si. Porén, non creo que haxa que calar. Hai que arrepoñerse. Nunca vin tanta condescendencia con estas formas de proceder, en  concreto por parte de moitos nacionalistas, como se estivésemos anestesiados. Os mesmos medios da dereita española, que lles son hostís, que os hai, fano dunha forma basta e guiados só por crear unha dialéctica política de confrontación entre Podemos, ou os seus sucedáneos, e o PP.

Aliás, esta denominada política emerxente (de Cidadáns non falo, por representar un alter ego, din que moderno, do PP) presume dunha moral superior da que carece, o que resulta aínda máis deplorábel e, para min, antipático. E, sobre todo, vende un hibridismo político, as confluencias, letal para Galiza, porque é, como resulta inevitábel e lóxico, máis España, en todo. E máis farsa electoral, máis teatro e máis ruído que noces, que na vella política. Como se non abondase!!!!

O pensamento débil e banal tense señoreado do mundo, de nós en particular, porque parece non haber posibilidade de mudar nada, e moito menos un deseño global, español e europeo, que reduce Galiza á insignificancia e ao non ser. O que está a suceder politicamente na Galiza debe servir para afirmarnos e traballar na idea de que só seguindo unha senda nacionalista haberá unha luminosa esperanza para o pobo galego, e que necesitamos, como a auga para o sedento, reforzar unha alternativa que acredite na capacidade e responsabilidade do noso pobo. 

Comentarios