Atlético e Español, ósos duros de roer para Celta e Lugo

Difícil xornada ligueira para Celta e Lugo, que chocarán co intratábel Atlético de Madrid e co sempre perigoso Español, respectivamente. Pola súa banda, na Segunda B destaca o derbi galego entre Coruxo e Dépor, a vida ou morte para uns branquiazuis costa abaixo e sen freos que levan dous meses sen gañar. 
O Celta fai piña para deixar atrás as polémicas do mercado invernal e dar un golpe de efecto derrotando o líder. (Foto: RC Celta).
photo_camera O Celta fai piña para deixar atrás as polémicas do mercado invernal e dar un golpe de efecto derrotando o líder. (Foto: RC Celta).

Fechado definitivamente un mercado de fichaxes decepcionante aos ollos dos seareiros e seareiras de Celta e Deportivo, os equipos galegos de Primeira, Segunda e Segunda División B retoman a normalidade cunha xornada na que o sempre criticábel calendario da Liga de Fútbol Profesional obrigará a escoller entre ver o partido do Celta de Vigo ou o do Club Deportivo Lugo, pois ambos están programados o mesmo día e á mesma hora: 8 de febreiro ás 21.

Esta superposición resulta especialmente dolorosa ante o grande interese destes dous choques, pois os celestes visitan o campo do líder, o Atlético de Madrid de Simeone e compañía, e os albivermellos reciben no Ángel Carro o Real Club Deportivo Español de Barcelona, segundo clasificado e máximo favorito para lograr o ascenso directo.

Non parece o Wanda Metropolitano o mellor lugar para que a escuadra viguesa se reconcilie coa vitoria despois de seis partidos, pois no que vai de Liga o Atlético tan só cedeu un punto no seu estadio e o Celta non sabe o que é gañar aos colchoneros en Madrid desde o 2007. 

Porén, Coudet, que poderá contar con Iago Aspas e con Denis Suárez para conformar o seu teórico once de gala, agarda sacar proveito das numerosas baixas provocadas pola Covid-19 no Atlético, que deixou fóra de xogo Dembélé, Carrasco, João Félix e Mario Hermoso, catro activos vitais para o Cholo.

Pola súa banda, o Lugo ten a oportunidade de dar un golpe de autoridade ante un Español que, a pesar da súa teórica superioridade, polas características do seu xogo podería ser unha vítima fácil do fútbol intenso e aguerrido dos de Mehdi Nafti.

Para conseguilo, o francotunecino disporá da incorporación estrela do equipo neste mercado invernal, Arvin Appiah, quen en 2019 se converteu na fichaxe máis cara da historia da Segunda División logo de que o Almería pagase case nove millóns de euros polo seu transfer.

O Dépor: gañar ou gañar

"Se non gañamos ao Coruxo, vai ser moi difícil que nos metamos na seguinte fase". As palabras son de Richard Barral, director deportivo do Real Club Deportivo e o home máis sinalado pola afección logo das súas cuestionábeis decisións no recente mercado invernal.

Quizais pondo a venda antes que a ferida, quizais para ir introducindo esa, até o de agora, impensábel posibilidade nas mentes da parroquia branquiazul, o certo é que as declaración de Barral están perfectamente cinxidas á realidade do Dépor. Após máis de dous meses sen coñecer a vitoria, e cun cambio de adestrador polo medio que só sumou dous puntos de nove posíbeis, todo o que non sexa un triunfo ante o Coruxo no derbi galego deste domingo (12 horas) sería un adeus practicamente definitivo ao ascenso e a consumación do desastre para un equipo sobredimensionado a todos os niveis, que tería moitas dificultades para sobrevivir outro ano fóra do fútbol profesional.

Moito mellor pintan as cousas para o Rácing de Ferrol, que xoga o domingo ás 5 da tarde na Malata co penúltimo clasificado, o Salamanca UDS, co obxectivo de sumar tres puntos que lle permitan dar o definitivo sorpasso ao Dépor na clasificación.

Quen xa está por enriba dos coruñeses na táboa é a SD Compostela, que agarda consolidar a súa privilexiada posición de play-off cunha vitoria na casa do fechacancelas, o Guijuelo (mañá ás 17.30 horas).

30 minutos antes abrirán esta xornada Pontevedra e Zamora en Pasarón, cos granates coa imperiosa necesidade de gañar despois de seis partidos sen facelo se non queren descolgarse da zona alta da táboa.

Finalmente, o Celta B afronta o domingo ás 12 horas un complicado reto na casa do líder da categoría, Unionistas de Salamanca.

Comentarios