Ana Peleteiro sétima do mundo en triplo salto

As atletas galegas sorprenden en Londres e deixan boas sensacións no Campionato Mundial

A participación galega nos Mundiais de Atletismo que se están a celebrar en Londres, puxo punto e final a pasada terza feira após deixar moi boas sensacións. Solange Pereira rematou décima na terceira serie dos 1.500 metros, a triplo saltadora Ana Peleteiro logrou a sétima posición na clasificación mundial, e Belén Toimil quedou por diante da súa principal rival. Todo un orgullo para o país!

Ana Peleteiro após quedar 7ª na clasificación Mundial en Londres Foto: FGA
photo_camera Ana Peleteiro após quedar 7ª na clasificación Mundial en Londres Foto: FGA

A atleta canguesa, Solange Pereira, foi a primeira das galegas en competir e participar nun estadio impoñente que se presentou acolledor e a rozar o cheo. A pasada sexta feira, Solange chegaba a Londres após de realizar segundo as súas propias verbas “a mellor tempada da súa vida”. É a raíña dos 1.500 metros este curso, logo de obter o Campionato de Galiza, o Campionato Estatal e proclamarse Campioa Estatal de Milla en Ruta, no tramo final da tempada disputou a Diamond League de Rabat e conseguiu a marca mínima 4:06:39 que lle deu pé a participar no Campionato do Mundo por primeira vez no que leva de carreira profesional.

E como colofón a extraordinaria tempada, correu na terceira serie dos 1.500 metros e após finalizar en décima posición cun tempo de 4:06:63 puxo punto e final ao seu debut nun Campionato Mundial.

A fin de semana foi a quenda de Ana Peleteiro na disciplina de triplo salto. Após unhas duras tempadas, Peleteiro chagaba ós Mundiais de Londres nun fantástico estado de forma e mental. Este ano logrou reencontrarse cun salto superior ós 14 metros, proclamouse Campioa Estatal Promesa e Subcampioa de Europa Sub-23.

A riberense plantouse na final coa décimo segunda marca no triplo salto, 14.07 metros obtida na cualificación do Mundial. Sen presión e cunha enorme ambición de seguir a progresar esta tempada voltaba a ser aquela rapaza que saltou á elite mundial no ano 2012 ó proclamarse Campioa do Mundo Junior en Barcelona.  A pupila de Iván Pedroso comezou a final cun salto de 13.92 metros colocándose en 8ª posición, ao realizar un segundo salto nulo que a ía desprazar ó undécimo posto. Foi no terceiro intento cando a atleta logrou pasar a barreira dos 14 metros, deixando a súa pegada nos 14.23 metros, mellor marca persoal, e batendo o seu propio Récord Galego Absoluto e Récord Estatal Promesa.

Con 14.23 metros deixaba os postos da cola para meterse 7ª por diante de Patricia Mamona, mais no cuarto intento Ana desequilibrouse facendo un salto nulo e mancouse finalizando a súa brillante participación no Mundial e sendo a atleta de triplo salto estatal mellor cualificada e clasificada nun Campionato do Mundo. Un peche de tempada fabuloso para a de Ribeira, que está “á espera de realizar probas médicas para determinar o alcance da lesión”, pensando que sexa de pouca gravidade.

A murgardesa Belén Toimil puxo a terza feira punto e final a unha tempada de récords, após finalizar a súa participación no Campionato do Mundo, cunha serie de lanzamentos de 16.20 – 16.38 – X. A atleta do Playas de Castellón pecha a tempada cunha marca de 16.38 metros, quedando tan só a un metro do seu Récord Absoluto Galego de 17.38 metros e acadando a 26ª posición no Campionato do Mundo, por diante da española Úrsula Ruiz (28ª), actual Campioa Estatal e rival a bater por Toimil.

Comentarios