Opinión

Atila Feijóo

Rematou o debate do Estado da Nación. Tres días para facer balanzo e aportar solucións que caeron en saco roto pola intransixencia dun PP instalado na mentira de que as cousas van ben. Feijóo na Galiza das Marabillas! Teñen parte de razón. Van ben para a banca. Van mellor para as grandes empresas.

Rematou o debate do Estado da Nación. Tres días para facer balanzo e aportar solucións que caeron en saco roto pola intransixencia dun PP instalado na mentira de que as cousas van ben. Feijóo na Galiza das Marabillas! Teñen parte de razón. Van ben para a banca. Van mellor para as grandes empresas. Van ben para todos os que se están enriquecendo á costa do sufrimento e empobrecemento de milleiros de persoas. A maioría dos galegos e galegas viven peor que hai cinco anos, mais iso pouco lle importa ao Goberno Galego. A dor e o sufrimento non se reflicte nas estatísticas. 

"Os medios afíns ao réxime sementan a idea de que o fracaso é colectivo, nun intento de tapar as vergoñas  e mentiras do Goberno de Feijóo".

Os medios afíns ao réxime sementan a idea de que o fracaso é colectivo, nun intento de tapar as vergoñas  e mentiras do Goberno de Feijóo. Un goberno que lle fai oposición a Galiza e  encarna a versión moderna do Atila, retratado maxistralmente nun dos Albums de Guerra de Castelao. As guerras de hoxe non precisan tanques, nin balas. As súas municións son o medo, a terxiversación ou as primas de risco. Instrumentos ao servizo dun sistema inxusto e cruel, que nos está levando a un auténtico desastre social. 

Galiza esmorece pouco a pouco. A nosa base produtiva triturada, as nosas caixas vendidas a prezo de saldo, a emigración como esperanza para milleiros de persoas que non se resignan a ficar paradas. A historia repítese, cambia a letra, a partitura é a mesma. A falta de capacidade real para decidir sobre a nosa enerxía, sobre o naval, sobre a pesca ou o agro, rebélase como parte crucial do desastre económico e social. Condénannos a ser un país sen futuro.

"O BNG enfrontou este debate coa convicción de que a Galiza real precisa voz que a defenda, que urxe soberanía, capacidade de decisión real para derrotar a crise". 

O BNG enfrontou este debate coa convicción de que a Galiza real precisa voz que a defenda, que urxe soberanía, capacidade de decisión real para derrotar a crise. O cambio só virá pola ruptura dun marco que nos nega o dereito máis básico: beneficiarnos dos nosos recursos, decidir como galegas. Impedir a venda de NovaGaliciaBanco, reclamar unha tarifa eléctrica Galega, un novo modelo de financiamento, defender o sector naval, que poñamos a producir o campo ou que non se expulse á nosa flota pesqueira foron unha parte das nosas alternativas. Tamén a defensa dun servizos públicos e dos dereitos sociais, hoxe en risco baixo a coartada da austeridade. Mais o PP non quere aceptar nada que mude o rumbo errado da súa política. Realmente, pretendía impoñer un pacto de silencio sobre os problemas reais de Galiza.
Atila Feijóo só deixa terra queimada. O monte arde, mais tamén arde o emprego, a sanidade, a educación, a cultura.... unha Galiza arrasada pola incompetencia de quen só pensa en ser útil a España, sen importarlle os custes da súa submisión. Mais non milito da desesperanza, nin no pesimismo. Como nacionalista confío no meu pobo, confío na alternativa que representa o BNG, e na historia que nos di, que Atilas máis grandes caeron.

Comentarios