Unha introdución á cuestión dos vitimarios

Os Atila do Grove (I)

Coñecemos mellor a relación de vítimas, sabemos que pasou e como pasou, temos recoñecementos oficiais, placas, memoriais, homenaxes, escavacións, ensaios, crónicas e mesmo obras literarias nas que, coa perspectiva da ficción, se mencionan con veracidade, feitos, nomes e apelidos, sempre que se refiran ás vítimas; en canto as mencións son aos responsábeis directos, ou indirectos, das mortes, dos crimes, dos asasinatos… entón mudámoslle o nome, e convertemos Teodoro Fanego, o conserveiro de Cariño, responsábel da desgraza da familia Pita Armada, en Dimas. E iso faise cando o libro no que se fundamenta a ficción é autoría dun dos membros desa familia, José Pita Armada, o anarquista que fai un lúcido exercicio de memoria da traxedia familiar, desde o exilio pero sen mudarlle o nome ao Fanego, causa do padecemento propio e familiar. Ou na mesma actitude medoñenta, cooperamos no agocho dos responsábeis da catástrofe de 1936 convertendo Víctor Lis Quibén, funesto dirixente da Garda Cívica de Pontevedra, nas siglas V.L.Q. que, nese contexto, non ten carácter de abreviatura, nin cumpre coa función identificadora que promete e compromete a obra e o capítulo na que se insire, e que semella só exceso de precaución e temor á represalia. 
Milicianos falanxistas do Grove. (Foto: Arquivo Antón Mascato)
photo_camera Milicianos falanxistas do Grove. (Foto: Arquivo Antón Mascato)

O caso Joaquín Álvarez Lores

Esta maneira de afastármonos da verdade é a herdanza do medo; do terror imposto polos criminais, tremor que pasou a novas camadas da sociedade. Moitos herdeiros dos masacrados detectaron que non podían reaxir en tempo e forma, mesmo que tiñan que contemporizar co ambiente de chumbo imposto pola violencia; “algho farían” dicíase nunha parte da sociedade do Grove até a década dos anos dous mil, no que comezaron a divulgarse feitos e circunstancias, a saberse que falanxistas, cívicos, gardas, militares e empresarios da conserva actuaran organizados contra as ansias de mudanza dos sectores progresistas e das clases oprimidas. 

Neses primeiros anos da década de 2000, Fabièn Garrido aloxaba nun sitio web, con dominio francés dado o seu nacemento e residencia en Francia, as memorias de seu pai, Ramón Garrido Vidal (O Grove, 1916-Les Lilas, Sena-San Denis, Francia, 1995); militante comunista exiliado na Bretaña, participando na resistencia á invasión nazi; encarcerado; responsábel político, obreiro metalúrxico, sindicalista...

As memorias de Ramón Garrido Vidal botaran uns anos na rede, en dominio público, sen que fosen obxecto de maior atención. Cando comezaron a ecoar foi logo da súa subida ao sitio web da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica do Grove, desde a que se fai eco a obra de Aurora Marco (2003) dedicada a Ramiro Paz. Cos primeiros traballos da iniciativa da recuperación da memoria no Grove, e as homenaxes de lembranza aos perseguidos e asasinados,comezaron as reaccións familiares dalgúns dos sinalados como principais protagonistas da represión.  

Dous fillos do “ex alcalde das ditaduras” (Primo de Rivera, Bienio Negro, e primeiros anos do franquismo) Joaquín Álvarez Lores (O Grove, 1898-1981) presentaron demanda no xulgado de Cambados, no ano 2006, contra Ramón Garrido Vidal, que falecera en 1995, para que se “…elimine del dominio free.fr, el contenido de la página http://btysses.free.fr/espagne/Cuando_estallo_la_guerra_html, y subsidiariamente, para el caso que no se proceda a eliminar el contenido de dicha página, una vez verificado, se proceda al bloqueo de la misma”.

O auto do xulgado cambadés, sen escoitar a parte demandada, é inmediato á presentación da demanda, nel ordena a desaparición cautelar dese sitio web, de dominio francés, sobre o que non ten competencias, polas referencias directas ao ex alcalde Joaquín Álvarez Lores, “imputándole hechos tales como que era vox populi que se dedicaba a realizar listas de paseados” e fai consideracións sobre os dereitos á liberdade de expresión e de información, ademais do dereito ao honor, á intimidade ou á propia imaxe.

Contendo un parágrafo que non semella acaído “rememorar, tantas décadas después, lo que mediáticamente se llama ahora “memoria histórica” de una forma revanchista, incontrolada, aviesa o sin datos ciertos y serios que acrediten lo que se afirma, vulnera de forma cierta el honor y la fama de las personas y sus familias…”.

Ningunha referencia a que se trata das memorias dunha persoa contemporánea e veciña de quen se pretende protexer a honorabilidade, de que son varias páxinas de textos escritos por un dos protagonistas da historia á que se refire en primeira persoa, asinando co seu nome e apelidos; que tanto o ex alcalde presuntamente manchado, como o redactor dos escritos faleceran había máis de 25 e 15 anos respectivamente… 

Queres continuar lendo este artigo? Procura o Nós Diario que atoparás nos quiosques ou para a súa lectura dixital na nosa loxa. Para organizarte mellor ante futuras entregas, recomendámosche facer a subscrición canto antes!
 

Comentarios