Opinión

Atención ás persoas desde o público: unha necesidade urxente na Galiza

A pandemia da COVID-19 e a inédita situación pola que nos está facendo pasar, pon de manifesto como nunca antes algo que desde a CIG vimos denunciando desde hai anos: a necesidade de valorizar os traballos de coidados e a atención ás persoas para que poidan ter dereito a unha vida digna, nos momentos en que as circunstancias que atravesan impiden que poidan acceder a ela autonomamente, e tamén a urxencia de investimento público nos servizos que atenden persoas, xa sexa por idade, dependencia ou situación de saúde. Uns traballos de coidados que son asumidos de xeito moi maioritario por mulleres, cunhas condicións laborais de precariedade e salarios escasos, como se vén denunciando nas campañas que a CIG impulsa ao redor do 25-N ou ao 8 de marzo.

Para o PP, as persoas vulnerábeis son un nicho de negocio co que agasallar empresas amigas que ven aumentar os seus beneficios a custo de recortes en persoal, en recursos e en atención.

O goberno dirixido por Feixoo vén implantando políticas que supoñen o desmantelamento dos servizos públicos, con recortes en prestacións e servizos e financiando con cartos públicos entidades privadas, que só buscan lucro e ás que as persoas, o seu benestar, a súa dignidade, pouco importan.

O Colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG levou a cabo nos anos 2018 e 2019 unha campaña para a mellora e dignificación dos servizos de atención á dependencia que concluíu en outubro pasado coa entrega no Parlamento Galego e na Xunta de Galiza das máis de 14.000 sinaturas que recolleron exixindo o incremento das partidas orzamentarias destinadas á dependencia, e o aumento de recursos da rede pública, dada a súa escaseza actual (só o 25% de prazas públicas).

Coa irrupción do coronavirus quedou patente que esas demandas eran, non só xustas, senón de urxente cumprimento. A xestión que da crise fixo o goberno de Feixoo nas residencias da terceira idade e as dramáticas consecuencias que tivo, fai máis necesario que nunca un cambio no xeito en que se concibe e practica a atención ás persoas. Por iso, desde a CIG lanzamos a primeiros de abril o documento Proposta para un Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas, onde se formula a aposta por unha única rede pública de recursos que incorporaría centros da terceira idade (asistenciais e residenciais), centros de día, servizos de axuda no fogar, centros de atención á diversidade e outros recursos como casas niño, casas de maiores, xantar na casa ou transporte adaptado, que serán dotados suficientemente tanto de recursos humanos como de infraestruturas e material. Estes servizos serán prestados de xeito profesional, por persoas con condicións laborais dignas e salarios xustos, para dunha vez por todas valorizar os coidados como ben social e que se recoñeza, dignifique e respecte as persoas maiores e dependentes da Galiza como merecen.

Ademais, nos próximos orzamentos deberían incrementarse significativamente as partidas destinadas a estes servizos, e exiximos tamén a transferencia a Galiza das competencias e recursos de atención dentro da Lei de Dependencia, para podermos desenvolvela e ampliar a atención aos galegos e galegas dun xeito acaído e digno.

Estas reivindicacións son a resposta urxente e xusta ante a necesidade de afrontar unha das manifestacións máis visíbeis da realidade galega: a crise demográfica, co aumento constante da poboación maior, a elevada dispersión dos núcleos de poboación (maioritariamente de idade avanzada), e a precaria capacidade adquisitiva das pensións públicas, especialmente no caso das mulleres.

Os recursos e servizos de atención ás persoas teñen que deixar de ser unha actividade residual, socialmente pouco valorada e con condicións de traballo precarias, para pasar a ser considerados servizos esenciais para o pobo galego a prestar pola Administración pública en condicións de calidade asistencial para as persoas e con condicións de traballo dignas e estables para o persoal encargado dos coidados, que son, ademais, maioritariamente mulleres. Estes servizos non poden entenderse en función da súa rendibilidade económica, senón social.

Comentarios