Opinión

Até sempre, camarada

Lembranza do activista e militante da CUT Xosé Portela, co gallo do seu recente pasamento

Na parede do local da CUT da Coruña temos pendurada a portada dun xornal de hai dez anos. Desde ela sorrí o noso compañeiro Xosé Portela, suspendido por un arnés do balcón do edificio do Reitorado da Universidade da Coruña, reclamando o cumprimento do convenio do PAS laboral. Sempre me pareceu a definición gráfica da militancia de Portela: a defensa dos dereitos da clase traballadora desde a alegría, o compromiso diario en todas as tarefas, a constancia e a presenza sempre que fose necesario.

Xosé Portela faleceu a principios deste mes de xullo e a súa morte bateu ás persoas que compartimos espazos con el no sindicalismo de clase, nos movementos sociais, na clandestinidade, no antifascismo. Ás compañeiras da Comuna, de Stop Desafiuzamentos, do 15-M de Monte Alto, de Elviña Non Se Vende, de Acción Antifascista, e de toda unha morea de espazos nos que participaba de forma incansábel, entregada, combativa, humilde.

Sempre achei que era unha coincidencia curiosa, algo irónica, que nesa mesma portada da que falei ao principio aparecese tamén a noticia da morte de Marcelino Camacho, “padre del sindicalismo moderno”. Nunca entendín tampouco por que conservamos a portada enteira no canto de recortar unicamente a nova pola que a penduramos. Pero coido que agora xa só a podemos conservar así, completa, comprendendo que é útil recordar os contrastes, e tamén lembrar que o sindicalismo combativo é imprescindíbel e que son exemplos como o de Portela os que o fan posíbel no día a día. Porque tiña toda a experiencia que nos falta ao resto, porque foi capaz de construír unha alternativa útil e maioritaria coas compañeiras e compañeiros da UdC, porque transcendía do gremial e entendía que nun sindicato de clase calquera conflito laboral nos compete a todas, porque lembraba sempre que a acción sindical tiña que saír dos gabinetes e levarse ás rúas.

Ás nosas mortas non as choran os medios do capital, pero deixan recordos imborrábeis na memoria colectiva, no activismo, na loita diaria. Non reciben homenaxes institucionais nin funerais de Estado, mais si homenaxes populares, como as que se están xa a artellar na cidade da Coruña. Homenaxes, ademais, unitarias, propias de alguén que entendeu a vida sempre desde a colectividade, que soubo escoitar como poucas persoas coa súa formación e experiencia son capaces de facer, que defendeu con claridade, contundencia e respecto as súas posturas en todos os espazos nos que participaba.

Nestes tempos de distanciamento social, (pos)confinamentos e pandemia ás veces parece todo un chisco irreal, e se cadra é por iso que as súas compañeiras aínda non asumimos de todo a ausencia de Xosé. Nestas semanas nas que comezamos a reunirnos de novo de forma presencial; nas que vemos o panorama que nos vén por diante de crise, precariedade, despedimentos, recortes e rescates (encubertos); nas que precisamos coller forzas e impulso colectivo, faise aínda máis doloroso que xa non estea.

Veñen tempos hostís para as maiorías sociais e imos precisar azos e acompañamento, o impulso de todas, e imos necesitar ter ao lado a xente en quen confiar, en quen poder apoiarnos. Porque por veces a militancia é esgotadora e frustrante, e son as compañeiras imprescindíbeis, as boas e xenerosas, as que fan que poidamos seguir adiante. E tamén por iso imos achar en falta a Xosé, porque non falaba moito pero dicía o necesario, porque construía desde a base e lonxe da pose e a figuración, porque non se conformaba nin se acostumaba á miseria, e porque sempre facía o camiño moito máis doado.

Asumir unha perda implica tamén aprender e preguntarse cal é a herdanza recibida. Xosé Portela deixounos un exemplo de convicción revolucionaria, humanidade e xenerosidade. Deixounos tamén o recordo dun sorriso perenne, da calma e a tranquilidade, da firmeza e o convencemento. E agora temos nós a responsabilidade de continuar o seu traballo con toda a lindeza que deixou viva en nós, co corazón por diante e o puño en alto. Porque, como diría Marta Sanz, as nosas mortas non desaparecen: levámolas a todas nas entrañas. Até sempre, camarada.

Comentarios