Até o Consello de Estado critica a lei de Rajoy que concede máis poder ás Deputacións

O informe do organismo estatal amosase contrario a que se lle reste autonomía aos concellos e lembra que as institucións provinciais non son de representación directa.

Deputación de Ourense
photo_camera Deputación de Ourense

Mesmo un referente sistémico do actual réxime español como o Consello de Estado, onde participan figuras como o conservador Romay Beccaría ou a ex-vicepresidenta Fernández de la Vega, sae en contra dun dos plans estelares do Goberno do PP, posto que emitiu un informe sobre o anteproyecto de Lei da Reforma da Administración Local no que lanza serias críticas ao citado texto porque pode “reducir en exceso” a autonomía municipal para favorecer ás Deputacións e ao Executivo central. “A lei é tan carente de parámetros legais que pode considerarse un cheque en branco ao goberno”, sinala o informe do organismo consultivo, que tampouco considera axeitada a escasa participación que tiveron as autonomías na súa confección.

 “A lei é tan carente de parámetros legais que pode considerarse un cheque en branco ao goberno”, sinala o informe

Respecto das Deputacións, malia non poñer en dúbida a súa existencia -cada vez máis discutida e que o PP quere manter e aumentar en competencias dentro dun proceso con intencións recentralizadoras- o informe do Consello de Estado advirte de que estas institucións provinciais “son entidades locais de representación indirecta”, recoñecendo así certas eivas de lexitimidade democrática. Tamén recorda que o seu papel e “funcional”, non o central que lle daría a Lei de Rajoy segundo a cal asumirían as competencias de moitos concellos, especialmente os máis pequenos. 

Comentarios