Representantes da Asociación de Vítimas do Alvia 04155 (en referencia ao comboio do tráxico sinistro ferroviario de Angrois) trasladaron ao BNG a súa decisión de explorar as posibilidades de levar o accidente a Bruxelas. Así o manifestaron nunha xuntanza que mantiveron con responsábeis do BNG, en concreto a candidata nacionalistas nas eleccións europeas, Ana Miranda, e a deputada Rosana Pérez.
Segundo informan da fronte nacionalista, @s representantes desta asociación consideran que as posibilidades de creación dunha Comisión de Investigación no Estado español “están esgotadas debido á constante oposición dos dous partidos maioritarios, PP e PSOE”.
Nesta liña, interesáronse con Ana Miranda sobre o 'modus operandi' a seguir para poder tramitar ante o Parlamento Europeo a necesidade de que se investigue o accidente. A candidata explicou que o procedemento pasaba por presentar unha denuncia ante a Comisión de Peticións, alegando incumprimentos de normativa europea en seguridade ferroviaria.Miranda mesmo ofreceu o “total apoio do BNG para cursar dita solicitude ante a Cámara europea” através do grupo ALE composto por 55 europarlamentares.
Rosana Pérez, lembrou as reiteradas negativas do PP á demanda de creación dunha Comisión de Investigación parlamentar, tanto na cámara galega como na española.