Imprimir

A Asociación Sindical de Guionistas incorpórase ao Clúster Audiovisual

Redacción | 07 de setembro de 2020

Guión
Guión
Ambas as As entidades destacan a colaboración para pór en valor a profesión

A Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) vén de incorporarse ao Clúster Audiovisual Galego como socia colaboradora. Esta adhesión é froito do convenio asinado entre ambas as entidades co obxectivo de unir esforzos e estreitar as súas relacións, intercambiar coñecementos e realizar actividades destinadas á promoción e difusión do sector e á posta en valor das e dos profesionais galegos.

Así, esta colaboración xorde do interese común por desenvolver actividades que sirvan para impulsar especialmente o traballo de guión dentro do sector audiovisual galego en xeral.

A incorporación de AGAG enmárcase na liña de actuación que vén desenvolvendo o Clúster nos últimos anos para lograr a cooperación e a integración de empresas e entidades pertencentes á cadea de valor do sector e dos contidos dixitais, co gallo de "mellorar a súa competitividade", destaca a organización.

Asociación de guionistas

A AGAG é unha asociación profesional sen ánimo de lucro fundada en 1997, que ten como principal fin a defensa dos intereses das e dos guionistas do sector audiovisual na Galiza.

Persegue, de tal maneira, a representación, defensa e promoción dos intereses comúns das persoas afiliadas no eido laboral, profesional, social, económico e cultural, así como dos intereses xerais da profesión fronte ás Administracións, institucións, empresas e outros colectivos de ámbito galego, mais tamén estatal e internacional.

Entre os cometidos da AGAG destaca tamén a difusión da profesión, a organización de actividades formativas e culturais, ou o fomento da solidariedade das persoas integrantes creando servizos de natureza asistencial.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/asociacion-sindical-guionistas-incorporase-ao-cluster-audiovisual/20200907143621104491.html


© 2020 Nós Diario