A Asociación Monte Pindo exixe demisións de Medio Ambiente e Rural

Exixen a demisión de Agustín Hernández e Rosa Quintana como responsábeis das Consellarías de Medio Ambiente e Rural, reclaman a inmediata declaración de Parque Natural e convocan un roteiro pola zona ardida para o día 28 de setembro e unha manifestación nacional en Compostela o 6 de outubro.

O Pindo queimado
photo_camera O Pindo queimado

A Asociación Monte Pindo Parque Natural esixirá responsabilidades polo incendio que arrasou xa máis de 2.000 hectáreas e sigue activo pola mañá, mais asegura que tomarán forza despois do loito para recuperar o Olimpo galego. 

Despois dunha xuntanza de urxencia na que se valorou a magnitude do incendio, a Asociación Monte Pindo Parque Natural compareceu en rolda de prensa para esixir a demisión de Agustín Hernández e Rosa Quintana, responsábeis de Medio Ambiente e Rural. 

Unha manifestación o domingo día 6 de outubro, con saída ás 12 horas da Alameda de Compostela, esixirá un “cambio radical” na política forestal da Xunta e no tratamento dos espazos naturais protexidos. Con anterioridade, o día 28 de setembro, un roteiro reivindicativo de subida ao Monte Pindo con saída desde O Pindo, Caldebarcos e o Fieiro, visitará a zona arrasada, divisando as máis de 2.000 hectáreas que o lume asolou. Son as dúas accións de protestas aprobadas nunha xuntanza urxente da Xunta Rectora da Asociación que comunicaron a través dun manifesto asinado tamén polo alcalde, Ramón Noceda (BNG). 

A Asociación Monte Pindo continúa a exixir, agora de maneira inmediata, a declaración do espazo como Parque Natural, única maneira, ao seu ver, de protexer un enclave único que nos últimos dous anos foi pasto de dous lumes devastadores. Despois de tres anos de reclamacións continuas, responsabilizan os responsábeis políticos da Xunta de desatender as súas demandas e seren os causantes da desfeita que a noite da quinta feira desolou a comarca en pouco máis dun cuarto de hora. 

A Asociación Monte Pindo continúa a exixir, agora de maneira imediata, a declaración do espazo como Parque Natural

En pouco máis dun cuarto de hora, despois de se ter declarado por volta das nove e media da noite, as autoridades locais de Carnota xa aventuraban que pouco se podía facer para salvar o Pindo. A localización do foco inicial na Cima de Arca, xunto co voraz nordés do momento, foron unha bomba que rematou con boa parte do monte en só uns minutos nos que, xa entrada a noite, era imposíbel empregar medios de extinción por ar. As 1.600 hectáreas que sinalan as cifras oficiais inclúen o macizo e parte das marismas, alén de aldeas do concello que viron como o lume e as altas temperaturas rachaban uralitas e derretían persianas, como nos explica o concelleiro de Cultura, Iván Franco, ameazando casas e vidas da veciñanza. 

Onde están os cartos que a Xunta di que investiu?

“A área de goberno responsábel da declaración de Parque Natural, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, dependente da Consellería de Medio Ambiente dirixida por Agustín Hernández Fernández de Rojas, non atendeu en ningún momento esta demanda alegando que o Monte Pindo xa estaba suficientemente protexido baixo a figura de Rede Natura 2000, e mesmo que desde as distintas administracións se tiñan destinado até 360 mil euros nese período 2010-2013 para actuacións no Monte Pindo, dos cales non coñecemos a que se destinou un só euro se é que se gastou”, denuncian no comunicado emitido posteriormente á xuntanza da Xunta Reitora. O incendio prodúcese despois de “varios avisos” e do gravísimo lume do 2005 que arrasou 550 hectáreas, a terceira parte do desta noite. 

“A paisaxe neste momento é dantesca, todo carbonizado desde o curuto até o mar. Caldebarcos e Panchés arrodeadas de cinza nunha paisaxe desoladora”, sinala Iván Franco, quen non dubida de que quen prendeu o lume sabía o que facía, o lugar onde iniciaba o incendio e o nordés bravo que faría imposíbel a extinción sen graves perdas. “Desde o primeiro momento dimos o monte por perdido. Os responsábeis son tamén quen se negou a protexer o Pindo como reclamabamos. Unha boa política de prevención e protección podía evitar chegar a estes extremos”, engade Iván Franco, membro tamén da xunta reitora da Asociación Monte Pindo. 

“Non imos abandonar a nosa esixencia para o Pindo ser Parque Natural porque consideramos que é un enclave único, patrimonio cultural e natural e un recurso turístico e económico para a comarca. Ademais, ten detrás un movemento social que reclama a súa protección”, defende o concelleiro de Cultura de Carnota.

Comentarios