A Asociación Galega de Viticultura expón a problemática e realidade do sector galego a profesionais doutros territorios

Tomou parte na xuntanza sectorial do viño convocada pola UDU.

19-06-06 Reunião_Madrid_3_IMG-20190606-WA0003

A Federación Rural Galega (FRUGA), a través da Asociación Galega de Viticultura (AGV), participou como convidada na xuntanza sectorial do viño convocada pola Unión de Uniones de Agricultores y Ganaderos (UDU).

Desde AGV consideran “positiva” esa reunión polo que supuxo de “intercambio de información e coñecemento da situación do sector noutros territorios e a constatación de que algunha das problemáticas que estamos vendo iniciarse no mundo do viño galego correspóndense con actuacións planificadas polas grandes empresas e o capital noutros territorios e que agora teñen os ollos postos na Galiza como un elemento de potencial económico de futuro”.

Así, explican nun comunicado, analizouse como a obrigatoriedade de levar a cabo o pagamento da uva en 30 días e o do viño en 60 días provoca que os operadores, “principalmente os grandes distribuidores”, forcen a compra de viño en orixe “canto máis tarde mellor, mesmo facendo as súas “coupages” (mesturas) en orixe e non nas súas instalacións, trasladando así os gastos de almacenamento do produto, e fundamentalmente os financeiros, as adegas de orixe (sobre todo cooperativas) que se ven co viño máis tempo nas súas instalacións e atrasando no tempo os ingresos”. Este contexto, indica a AGV, favorece a especulación nos prezos e a súa tendencia á baixa.

A FRUGA-AGV manifestou tamén a súa oposición a unha serie de medidas que entenden que van ter un impacto negativo para o sector vitivinícola galego, como a admisión de elaboración de viños non só a partir da Vitis Vinífera, senón tamén a partir da Vitis labrusca ou a modificación do regulamento das DO e IXP en aspectos como a omisión do factor humano como un requisito inescusábel.

Comentarios