Asistentes a un mitin de Trump piden "mandar de volta" ao seu país de orixe a congresista Omar

O líder botou achas xenófobas ao lume e este prendeu con forza. A concorrencia a un mitin de Donald Trump berrou: "Mándaa de volta" cando o presidente norteamericano se referiu á congresista Ilhan Omar, de orixe somalí.

Trump
photo_camera Trump, nun mitin.

Hai congresistas liberais [na terminoloxía norteamericana este vocábulo é sinónimo de progresista] que odian o seu país. Ese argumento aplicouno estes días Donald Trump a catro congresista norteamericanas, todas elas da ala esquerda do Partido Demócrata.

A saña racista de Trump foi especialmente agresiva cando referida á congresista de Minnesota Ilhan Omar, de orixe somalí, a quen chegou a acusar de cumplicidade co terrorismo de Al Qaeda.

Omar chegou aos EUA durante a súa infancia e na súa calidade de refuxiada. Adquiriu a nacionalidade durante a súa adolescencia. É congresista desde novembro pasado, cando aterrou no lexislativo nortemericano na compaña das tamén liberais Alexandria Ocasio-Cortez (Nova Iorque), Rashida Tlaib (Michigan) e Ayanna Pressley (Massachusetts).

A Cámara dos Representantes [o congreso federal dos EUA] condenou esta terza feira as actitudes racistas de Trump. Porén, a maioría demócrata dividiu os seus votos e non deu apoio a unha proposta de destitución [impeachment] do presidente formulada polo congresista Al Green (Texas). Dos 235 representantes democratas, 137 votaron contra o cesamento de Trump.

Comentarios