Así foron os Pactos da Moncloa, un dos mitos fundacionais da Transición

A chamada do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, a reeditar os Pactos da Moncloa volve situar no primeiro plano da actualidade os acordos asinados hai 42 anos polas principais forzas políticas do Estado español. Achegámonos á motivación dos mesmos, aos seus contidos e á súa significación política.
Concentración en Vigo contrra os pactos da Moncloa (Xan Carballa)
photo_camera Concentración en Vigo contra os Pactos da Moncloa en 1978. (Xan Carballa)

Vendéronos como unha historia de éxito pero os beneficios só chegaron a unha minoría. A economista Miren Etxezarreta sinalaba, nun recente artigo de prensa, que “desde a óptica das clases populares non se debera esquecer que os agora tan eloxiados Pactos supuxeron un duro programa de axuste económico e crueis medidas de deterioro da situación das clases traballadoras. Entre elas, unha importante diminución dos salarios e o despido libre, ademais da garantía de que serían aceptadas sen alterar a paz social. Os Pactos da Moncloa non foron só a actuación de éxito que se pretende lembrar. Foron tamén uns acordos que constituíron o primeiro ataque da Transición contra as clases traballadoras e populares”.

As consecuencias sociais e laborais destes acordos foron duras. Aprobados no contexto de grave crise económica internacional da década dos 70 e enmarcados na xestión da mesma que deu pé á reacción neoliberal, abriron a porta a un marco laboral máis desregulado, á destrución dun gran número de postos de traballo e a unha importante perda do poder adquisitivo das traballadoras e traballadores, ao desligar a suba dos salarios da inflación. Así, limitouse o aumento do xornal a un máximo do 22%, mentres a inflación se situou arredor do 35%, aplicándose con carácter retroactivo para todas aquelas operarias cuxos convenios se actualizaron en xaneiro de 1978.

Os agora tan eloxiados Pactos supuxeron un duro programa de axuste económico, afirma a economista Etxezarreta

O historiador británico Paul Preston, no seu último libro, traducido ao español como Un pueblo traicionado, afirmou que “era esencialmente un paquete de austeridade” e lembrou que introduciron o despido libre no mercado de traballo ao derrogar a Lei de relacións laborais de abril de 1976, imposta por un movemento obreiro á ofensiva ao gabinete de Carlos Arias Navarro. Neste sentido, a nova normativa autorizou as empresas que aumentaran o salario por riba do 22% ás súas asalariadas a despedir até ao 5% do cadro de persoal, aspecto que axudou as altas taxas de desemprego da época. 

Foron considerados como o auténtico programa económico da Constitución de 1978. Segundo o economista José María Vidal Villa, “a política económica na década seguinte aos Pactos da Moncloa respondeu a limitar o crecemento salarial por baixo da inflación, o que provocou que os convenios reducisen ano tras ano o poder adquisitivo das asalariadas e asalariados até 1987”. As referidas políticas sentaron as bases da actual precarización do mercado de traballo no Estado español e contribuíron disciplinar a clase traballadora.

Un ensaio do acordo constitucional

Os Pactos da Moncloa foron a denominación empregada popularmente para designar o Acordo sobre o programa de saneamento e reforma da economía e o Acordo sobre o programa de actuación xurídica política, asinados en 25 de outubro de 1977, na sede da presidencia do Executivo español. Os documentos contaron co apoio da Unión de Centro Democrático (UCD), o partido do xefe do Executivo; do PSOE; do Partido Comunista de España (PCE); do PNV; de Covergéncia e Unió; do Partido Socialista Popular (PSP), de Tierno Galván, así como das entidades patronais, Comisións Obreiras (CCOO) e a UXT. Alianza Popular, a formación antecesora do PP, avalou a proposta económica pero desmarcouse da política e as organizacións da esquerda radical, os nacionalistas galegos e unha parte dos vascas e cataláns rexeitaron a totalidade dos mesmos.

Os Pactos da Moncloa introduciron o despido libre na lexislación laboral española

Os acordos prepararon o camiño para a aprobación do texto constitucional, significaron una sorte de ensaio xeral das políticas de pacto e concertación e asentaron unha nova maneira de relacións políticas, iniciada ao longo de 1976, que deu orixe á denominada cultura da transición, aspecto basilar da tradición política española dos últimos 45 anos. Unha das consecuencias evidentes foi a blindaxe diante da nova situación do bloque de poder herdado do franquismo, mediante a articulación dun consenso arredor da hexemonía dos sectores oligárquicos e o debilitamento das posicións das clases populares.

Os actores centrais dos pactos foron a UCD e o PCE. Mentres o primeiro actuou como voceiro dos sectores do franquismo embarcados na operación de reforma política, o segundo operou como representante dunha das partes máis combativas da clase obreira. Un historiador próximo a esta última formación e membro significado do seu centro de pensamento, a Fundación de Investigacións Marxistas (FIM), escribiu que “a adhesión ao pacto do PCE foi, sobre todo, unha importante conquista para o Goberno, porque implicou na execución das medidas antipopulares o referente político da organización sindical máis combativa e representativa”.

Representaron unha trabe mestra do edificio político institucionalizado na Constitución de 1978. Certificaron a vontade dunha parte das forzas da antiga oposición democrática de asumir unha mudanza lampendusiana, continuadora no esencial dos eixos reitores das políticas do franquismo e coherente coas esixencias do capitalismo internacional e das súas sucursais españolas. Exemplificaron, por último, o compromiso dos sectores hexemónicos da esquerda co modelo deseñado polos herdeiros da ditadura, blindado polas forzas armadas de Franco e co seu sucesor, JuAn Carlos de Borbón situado como clave de bóveda.

A oposición aos Pactos da Moncloa na Galiza

A asunción das políticas de contención salarial e de retallos laborais aprobados nos Pactos da Moncloa provocou contradicións no interior das organizacións sindicais asinantes do acordo. Así, algunhas seccións sindicais de Comisións Obreiras, dirixidas por sectores enfrontados ao PCE, expresaron o seu rexeitamento, ao igual que organizacións territoriais da UXT. 

A contestación aos Pactos da Moncloa na Galiza veu da man das organizacións nacionalistas. Así, por exemplo a Unión do Povo Galego (UPG) analizaba en xaneiro de 1978 que “supón a máis clara manipulación dos intereses obreiros” e advertía que “atallar a resposta da clase obreira fronte aos mesmos é unha necesidade do capital monopolista español e do Goberno, que conta para ela coa colaboración incondicional de CCOO 

e UXT”. Pola súa banda, a Asemblea Nacional-Popular Galega (ANPG) denunciaba “as repercusións económicas e sociais e os acordos políticos dos mesmos, que se traducen incluso na represión e prohibición dos actos de organizacións legais”, nunha clara referencia á situación de ilegalidade na que se atopaba.

O 27 de xaneiro de 1978, a Intersindical Nacional Galega (ING) e as Comisións Labregas (CCLL), co apoio da organización estudantil ERGA e das formacións políticas ANPG e UPG, convocaron unha xornada nacional de loita para expresar o seu rexeitamento aos Pactos da Moncloa. A repercusión da protesta foi proporcional á introdución social do sindicalismo nacionalista, destacando os paros en localidades como Carballo, Carballiño, As Pontes, Moaña, Redondela, Arcade (Soutomaior), Rianxo, Monforte, Vilalba ou Viveiro, e as manifestacións nas cidades de Vigo, A Coruña, Ferrol, Compostela, Ourense ou Lugo.

Comentarios