As asembleas apoian o preacordo nas ambulancias e suspéndese a folga

A greve pode volver activarse en case de novos bloqueos e incumprimentos, advirten.

asemblea ambulancia

As asembleas de traballadores e traballadoras do sector das ambulancias de Galiza deron en asemblea o visto bo ao preacordo acadado na madrugada segunda a terza feira. Máis de 80%do persoal apoiou este acordo, que tivo o rexeitamento de 14,9% e 4,2% abstivéronse.

Os sindicatos CIG, UXT e CCOO indican que coa aprobación deste preacordo "fica suspendido o inicio da greve indefinida a expensas de como se desenvolva a seguinte parte da negociación do convenio colectivo". Con todo, advirten de que "en calquera momento a greve pode ser activada no caso de novos bloqueos" por parte dos empresarios do sector.

Segundo informa o comité de greve, o preacordo recolle unha parte económica que contempla un incremento salarial mínimo de 22% para o petríodo de vixencia do convenio (contando subas anuais, a terceira paga extra e o cobro de todos os conceptos nas vacacións). 

Outras cuestións que se contemplan no preacordo son que nas vacacións incluirase a media de todas as percepcións do ano anterior, desde 2019 e con efecto retroactivo. As subas calcularanse a partir do salario do condutor e aplicarase a mesma suba en todas as categorías. 

Comentarios