A Asemblea francesa aproba tímidos avances para as linguas minorizadas

Aprobou a lei ‘Protección patrimonial das linguas rexionais’. Nos debates estiveron presentes apenas 50 deputados e deputadas dunha Asemblea Lexislativa de 575 representantes.

Asemblea lexislativa francesa Parlamento de Francia
photo_camera Asemblea lexislativa francesa.

A Asemblea francesa aprobou unha lei para as linguas minorizadas existentes no Estado galo, coma o corso, bretón, vasco ou catalán, entre outras. Unha lei aprobada por 46 das 49 deputadas presentes [no Parlamento hai 575 parlamentares] e cuxo nome oficial é ‘Protección patrimonial das linguas rexionais’. Só o grupo parlamentar de ‘A Francia insubmisa’ votou en contra desta lei por considerala “inútil”.

A lei estivo impulsada, entre outras persoas, polo deputado bretón Paul Molac e autoriza determinados avanzos para esas linguas. Por exemplo, autoriza de forma inmediata o bilingüismo para rueiros ou sinais de tráfico, evitando o complicado proceso que rexía até o de agora.

Esta lei modifica outra, de protección da lingua francesa, aprobada en 1994 e que coa desculpa de facer fronte á ‘aculturización’ provocada polo inglés, acabou sendo empregada contra as linguas minorizadas.

A nova norma tamén dá luz verde aos nomes con símbolos diferentes do francés, como os bretóns  Fañch ou Der’Hen, e que provocaba que as nais e país que poñían eses nomes propios ás crianzas puidesen acabar nos xulgados.

O recoñecemento do principio de inmersión como método de ensino, o financiamento de colexios privados bilingües, a integración do ensino de linguas rminorizadas nos horarios estándar; foron algunhas das cuestións que en principio contemplaba este proxecto de lei e que ficaron fóra en comisión ou en sesión de emendas.

En 2016 o Parlamento de Francia tombou unha proposta para que as linguas territoriais á marxe do francés tivesen maior presenza no ensino, así como rexeitou promocionar os idiomas minorizados no espazo público e audiovisual. A proposición de lei fora presentada tamén polo deputado bretón Paul Molac.

Comentarios