Imprimir

Asemblea de areas sanitarias chama a participar na folga de 27 e 28 en Atención Primaria

Europa Press | 25 de novembro de 2019

(Europa Press)
(Europa Press)

Demandan "medios e tempo" para facer o traballo "ben".

Representantes médicos das áreas sanitarias da Galiza compareceron esta segunda feira para chamar a participar na folga que decorrerá en Atención Primaria o 27 e 28 deste mes baixo o lema 'Por unha atención primaria decente'. "Só co conflito pode cambiar a Atención Primaria", dixo Moncho Veras para chamar os seus compañeiros e compañeiras médicos a mobilizarse esta semana, a terceira protesta deste tipo que convocan este ano. "A Atención Primaria Unida pode gañar", engadiu.

Nesta liña, a doutora Flora Miranda criticou que "non se perciban" as medidas e accións promovidas polo Sergas para a Atención Primaria xa que, dixo, algúns profesionais "teñen 60 pacientes ao día" e seguen coa "sobrecarga". "Estamos capacitados para facer as cousas mellor", e reclamou "medios, persoal e tempo para facer o traballo ben".

En liña con isto, o médico Alberto García defendeu que chaman á folga "para mellorar a Atención Primaria". "Non pedimos máis cartos", dixo, para incidr na problemática da “sobrecarga”.

Por este motivo, as convocantes insistiron en que esta é a terceira folga que fixaron este ano, "non por gusto nin capricho". Ademais, criticaron que o Sergas non os chamou para "escoitalos".

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/asemblea-areas-sanitarias-chama-participar-folga-27-28-atencion-primaria/20191125181507087373.html


© 2020 Nós Diario