Imprimir

O incendio da Pobra arrasa 60 hectáreas

Redacción | 11 de xullo de 2020

Terro queimado polo Incendio da Pobra, visto desde o aire (Imaxe: @AT_Brif)
Terro queimado polo Incendio da Pobra, visto desde o aire (Imaxe: @AT_Brif)

O incendio declarado na madrugada deste sábado, 11 de xullo, estabilizouse cara á tarde e deixa xa 60 hectáreas calcinadas. 

O incendio que se declarou na madrugada deste sábado na Pobra do Caramiñal queimou unhas 60 hectáreas e está "estabilizado" desde as 14.53 horas, segundo informa a Consellaría de Medio Rural.

O lume afectou terreos da parroquia de  Lesón e empezou ao redor das 3,30 horas, polo que "todo indica que foi intencionado", agregou a Consellaría.

Para controlalo traballaron cinco axentes, seis brigadas, sete motobombas, unha pa, catro avións e sete helicópteros.

Pola súa banda, o Ministerio para a Transición Ecolóxica informou do despregamento de diversos medios na Galiza para a extinción de tres incendios: o da Pobra e dous xa controlados declarados onte en Santiago e en Quiroga (Lugo).

A Brigada de Reforzo de Incendios Forestais (BRIF) de Laza colaborou no incendio da Pobra e, ao voltar á base, foron desviados para actuar noutro incendio declarado en Lalín. 

Na tarde de onte, sexta feira 10 de xullo, declaráronse dous incendios, un en Santiago de Compostela, chegando moi perto de casas e do hospital clínico; e outro en Quiroga, na parroquia de Vilar de Lor, queimando unhas varias hectáreas en cada un dos casos.

O lume na capital da Galiza extinguiuse na mañá deste sábado (ás 9.17 horas) e arrasou tres hectáreas, metade de arboledo e metade de monte raso, na parroquia de San Paio. Nas tarefas de extinción participaron catro helicópteros, dous hidroavións, sete motobombas, dúas pas, 15 brigadas e sete axentes.

No caso de Quiroga, o lume está controlado desde as 23.41 horas da sexta. A superficie arrasada é de 10 hectáreas arborizadas. Nos traballos participaron en leste caso seis helicópteros, catro avións, sete motobombas, 13 brigadas e tres axentes.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/ascenden-60-hectareas-quemadas-incendio-pobra-do-caraminal/20200711182110101213.html


© 2020 Nós Diario