Opinión

As uvas!

Na escola das raposiñas comezaba un novo curso. A raposa mestra cos lentes na punta do fociño aprendía o nome das cachorras que acudían ilusionadas e ansiosas de laretar. Era o seu derradeiro ano. En canto rematasen, comezarían a facer a súa propia vida polas corredoiras e os galiñeiros.

Nos primeiros días, a raposa ía preguntando por isto e polo outro, tentando saber canto aprenderan xa as cuadrúpedes acastañadas, para logo completar eses coñecementos e que puidesen saír ao mundo sen temor de que non soubesen onde apañar a mantenza.

Mais, resultou que as alumnas non coñecían cousas tan elementais como cales eran os froitos da vide. “Vállanos la Fontaine!”, pensou para si a mestra, mentres as interrogaba. O seu pasmo foi en aumento, cando ao preguntar que daba a nogueira, houbo quen dixo que figos. Aquilo era o cataclismo final. Certo é que non era un mal de todas, mais que a metade das súas alumnas non soubese que as parras que andaban no alto daban uvas, preocupouna.

Mandounas pór en fileira e saíron camiñar. Axiña deron coas primeiras videiras.

-E logo, miñas alumnas, que é isto que teño aquí?

Entón elas decatáronse do que era a vide, madía leva se non había ben delas por todas as leiras da contorna. A mestra quixo saber como fora aquilo. Como as raposas pequenas esqueceran que a vide era a que daba as uvas. Non tivo que pescudar moito. Diante dela tiña a razón de tal desastre, que se non se coutaba a tempo podía rematar coa especie e as súas fábulas.

Porque o mal era que as súas alumnas imitaban á serpe, e coma ela estricábanse e falaban arrastrando as sibilantes. Que os recolledores dos contos nos asistan! As incautas corrían perigo de estoupar! Cumpría advertilas de vez. Mais as mociñas non crían a mestra, “iso son contos de vellas! Pero mira que es mandona. Nós non imos estoupar!

O de estoupar é unha licenza, claro. Ao cabo e á fin son fábulas en que os animais falan.

Mais non todo é fantasía. E é que as vides son unhas descoñecidas para moita rapazada.

Comentarios