Opinión

As tres nacións fronte ao pacto de Estado

 

PP e PSOE están a cociñar un pacto de Estado á medida das necesidades de supervivencia das súas cúpulas dirixentes. O pacto sería un cheque en branco para Rajoy

PP e PSOE están a cociñar un pacto de Estado á medida das necesidades de supervivencia das súas cúpulas dirixentes. O pacto sería un cheque en branco para Rajoy, mais tamén unha certa garantía de futuro para Rubalcaba, mentres non se esgotase o crédito desta nova política consensual, que se adubiará inevitabelmente con referencias á mística dos Pactos de Moncloa.

O pacto entre PP e PSOE non é a converxencia de proxectos políticos substancialmente distintos senón a escenificación política por parte das elites do Estado

E que van pactar? Sobre as políticas fulcrais, francamente nada distinto do que xa pactaron no seu momento, cando Zapatero e Rajoy acordaron en apenas 2 semanas elevar un dogma neoliberal -o déficit cero- á categoría de axioma constitucional no Estado. O pacto non é, por tanto, a converxencia de proxectos políticos substancialmente distintos -en temas nucleares, as diferenzas son de matiz-, senón a escenificación política por parte das elites do Estado da súa vontade de que a crise do réxime -que é real- non resulte en ningunha mudanza significativa do statu quo.

Rubalcaba apela a Europa como o contexto perfeito para o pacto co PP. Europa, pola sua parte, preme a Rajoy para a súa política ser ainda máis direitista e ainda máis anti-popular. Que perpetre un novo pensionazo. Que suba o IVE, isto é, o imposto que castiga máis as clases populares. Que coloque sobre a mesa a necesidade dunha nova reforma do mercado laboral (cara que? Talvez cara ao despedimento gratuíto?, que non libre, este xa existe...). Nada disto semella anoxar ao secretario xeral do PSOE, o cal revela até que ponto a socialdemocracia real non existe hoxe no Estado.

O pacto sería, portanto, sobre a base de novas políticas anti-populares no social, con especial destaque para unha nova reforma do sistema público de pensións que, como as anteriores, será especialmente lesivo para Galiza, dado que as percepcións das e dos nosos xubilados están moi por debaixo do promedio estatal.

E o pacto sería esencialmente recentralizador. Europa suga competencias aos Estados e a inercia destes é facer o propio coas entidades sub-estatais, moito máis en casos como o Estado español: aquí a descentralización nunca foi realmente política, apenas administrativa, tal e como o desenvolvimento da Lei Wert permite enxergar.

Fronte a este pacto de Estado o único que se pode opor con certas garantías de éxito é un pacto das tres nacións: Euskal Herria, Catalunya, Galiza. Un pacto polos direitos colectivos, nacionais, mais tamén sociais. Acertan BNG, Esquerra e Amaiur ao levar o seu pacto, o seu acordo, a súa iniciativa pola autodeterminación dos pobos, ao Congreso. Non é difícil predicer cal vai ser o pronunciamento do bipartidismo españolista. Sexa cal for, o debate sempre é necesario e positivo, por esclarecedor. 

Comentarios