As políticas da Troika reavivan o conflito en Grecia

O goberno grego aproba máis un aumento de impostos nun país asfixiado polas políticas da Troika. Diversos grupos iniciaron accións contra as oficinas gobernamentais e entidades financeiras.
Manifestación en Grecia (2012). Imaxe: Heraldo
photo_camera Manifestación en Grecia. Imaxe: Heraldo

O Parlamento grego aprobou máis un pacote de reformas en fin de semana e de madrugada. Cos votos a favor tan só dos partidos en coalición --Nova Democracia, Pasok e Esquerda Democrática-- o executivo grego reducirá a carga impositiva para as rendas superiores a 100.000 euros --que pasarán do 45% ao 42%-- e incrementará o gravame ás rendas do traballo ao eliminar cinco dos oito tipos existentes.

"Non se pode ter a metade da poboación rebuscando no lixo e a outra metade sen pagar os impostos que lle corresponden", aseguraba o xornalista Kostas Vaxevanis, quen fora detido pola publicación da listaxe Lagarde, en que se recollían dúas mil persoas que evadían impostos no país.

As consecuencias sociais dos países intervidos polas institucións económicas internacionais, seguen a se agravar mesmo en termos estritamente económicos. Os plans de axuste e a política de austeridade promovidas pola Troika --FMI, BCE e Comisión-- non fan senón afondar na recesión económica provocando unha caída do 7,2% do PIB grego --no último ano. Neste senso, o goberno heleno segue ao pé da letra dos ditames de Bruxelas e recortará máis de 13 millóns de euros nos vindeiros dous anos.

As rendas do traballo pagarán máis impostos mentres os máis ricos ven reducida a presión fiscal 

As políticas deseñadas pola Troika están a resentir as relacións entre as formacións políticas do goberno. Así, a pasada semana dous deputados de Esquerda Democrática foron expulsados e un decidiu abandonar o seu escano por manteren diverxencias coa liña política defendida desde o seu partido. Aliás, o escándalo da listaxe Lagarde, que salferiu a varios membros do executivo está a xerar unha crise institucional que podería desestabilizar a coalición, porén até o de agora ningunha das formacións se posicionou de maneira clara contra a política de recortes.

O conflito social agudízase

No entanto, a desesperación e indignación social está converténdose en raiba. Neste senso, o despacho do primeiro ministro, Antoni Samarás, vén de ser atacado con kalashnikovs --supostamente por grupos anarquistas-- sumándose ás agresións desenvolvidas contra algúns medios de comunicación e entidades financeiras nos últimos días. Samarás, asegurou que os incidentes eran responsabilidade do principal grupo da oposición, a Syriza, á que acusou de "fomentar un clima antisistema". O xornalista de Hot Doc, Kostas Vaxevanis asegura que malia non se producir un cambio brusco "o ambiente está mudando" entre a sociedade grega, pois di, "é imposíbel que as cousas continúen como están".

Comentarios