Un verán en Galeusca

"As pintadas", por Iban Zaldua

Iban Zaldua (Donostia, 1966) estudou Historia na EHU, onde agora dá clases, en Gasteiz. Ten colaborado en diversos medios –Berria, entre eles-, e alimenta o blog Volgako bateleroak –Os bateleiros do Volga-. Destaca principalmente na produción de contos, aínda que tamén é autor de narracións, novelas e ensaios. Entre as súas publicacións atópanse, entre outras, Ipuin euskaldunak (1999); Gezurrak, gezurrak, gezurrak (2000); Itzalak (2004); Etorkizuna (2005); Biodiskografiak (2011); Inon ez, inoiz ez (2014) e Sekula kontatu behar ez nizkizun gauzak (2018). Publicamos o relato "As pintadas", no marco da sección "Un verán en Galeusca", partillada por Sermos Galiza, Berria e Vilaweb.

 

Iban Zaldua
photo_camera Iban Zaldua

As pintadas? Poden sobrevivir moitos anos. Non podedes imaxinar cantos. Joder, no noso barrio había unha a favor do estatuto de Gernika de 1979 que, non sei, debeu permanecer aí até hai cinco ou sete anos. Víaa sempre que ía visitar á nai. Estaba cada vez máis esvaída, claro, pero aínda era lexible “Si ao Estatuto de Gernika”, coa árbore e un debuxo esquemático do edificio das xuntas: alí estivo até que botaron abaixo o valado. Eu, votar? No referendo do estatuto? Laostia!... cantos anos debía ter? Daquela eu aínda non tiña os catro anos cumpridos, supoño que estaría en párvulos... pero aí estaba a pintada, e mira, a min sempre me interesou a política, se non fose así non me dedicaría ao que me dedico. Isto non se trata só de encadrar e facer clic, ou que pensades? Cómpre ter un pouco de cabeza, tamén. Sei ben con quen estou: comecei a traballar no tempo en que as cámaras tiñan película.

Agora as pintadas xa non duran nada, axiña chega unha brigada de limpeza do concello e xa está. Algunhas veces no mesmo día, algunhas pintadas non están na parede máis dunhas horas. E se aínda fixesen un bo traballo! Porque o produto que empregan para limpalas deixa unhas marcas horribles, porque a cor que empregan non é a orixinal, a que tiña a parede -case nunca o é- e o caso é que na meirande parte das ocasións a parede queda peor que coa pintada. Non digo que o alcume de alguén ou eses graffitis que marcan territorio merezan desaparecer o máis axiña posible. Son unha merda. Pero hai algunhas pintadas que son case obras de arte. Non mo negaredes. Había unha a favor da insubmisión, enorme, na saída da autoestrada, con imaxes fermosas de tanques. Esa tamén estivo aí unha morea de anos. Claro, vós sodes novos. Aquel pintárono uns amigos, eu axudeinos un pouco. Eu fun insubmiso, abofé que si. Daquela todos eramos insubmisos.

E, ademais, está o valor informativo. Ás veces nin sequera temos tempo para tirar unha foto: na redacción mandan recoller testemuño e, cando chegamos, non hai nin rastro. Ou, mellor dito, só hai tempo para os limpadores, non para a pintada. Como as pintadas a favor de ETA. Si, é certo, vense cada vez menos, pero cando queren dar a noticia e te mandan a que saques unha fotografía, xa podes andar rápido. Crédeme. Aquelas que apareceron en contra dos xitanos, as que apareceron no barrio ao outro lado das vías do tren, esas pintadas duraron máis, mira, dúas semanas ou máis. A eses puiden sacarlles fotografías. Pero despois o xornal non as empregou na reportaxe. Vaia, cobrei o traballo, cando menos: non é pouco. Tantos anos alí, traballando duro para eles, e cando tiñan que facerme indefinido os moi cabróns non me renovaron. Despois fíxenme autónomo, para facerlles o mesmo traballo. Vaia, podía ser peor.

Veña. Imos, non foron máis de dúas copas. Tres, como moito. E hai moito tempo. Tanto me ten o que diga a proba de alcoholemia, agora axiña dá positivo malia que bebas pouco. Joder, se estivese a conducir un coche, ou unha moto, pero non é máis ca un patinete eléctrico, meu. Como moito faríame dano eu. Si, si, lino, como non, traballo para ese xornal do carallo: as anciás e as cadeiras, que vos podo dicir. A miña nai tamén, que en paz descanse, rompeuna, invertemos moito naquela residencia e custoulle moito recuperarse. Pero adiantaron moito neste eido, axiña arranxan o problema, non si? De todos os xeitos, son sincero, nunca vou pola beirarrúa, vou pola calzada ou polo carril bici. É moi chulo, abofé, e para o que o necesito, ir dun lado para o outro da cidade, é perfecto.

Estou nun intre en calquera lugar, evito os atascos e non teño o problema de aparcar, porque aparcar nesta cidade... Moito mellor ca a bicicleta, que diferenza! Eu antes movíame sempre en bicicleta e sei ben o que digo. Tiña dúas, unha roubáronma, xa sabedes o atarefados que están os ladróns nesta cidade; tendes que facer algo dunha vez. E a outra quedou Nekane con ela, a moi cerda. Malia que a merquei eu. Era unha desas baratas do Decathlon, pero amoloume moito de todos os xeitos.

Si, Nekane Martínez, iso é. Mentira, todo. Como moito un empurrón, naquela ocasión o asunto subiu de temperatura. Ela anoxábase moito máis ca min. Teriades que escoitar os seus berros, todo teatro. É normal que aconteza iso nas discusións, estou seguro de que a vós tamén... vedes? Iso díxenlle eu, están esaxerando moito a cousa. Ademais, se o puidésedes ver: como eu son moito máis alto! Pero a xuíz de garda era unha muller e deu a orde de afastamento. Despois a cousa non avanzou nos xulgados. Xa vos digo, foi unha parvada. Pero aí está a mancha, está aí cada vez que mirades a ficha. Como para enfurecerse, non si? Si, seino, que lle imos facer...

O que vos dicía, que ás veces non chegamos a tempo. Nin sequera co patinete eléctrico. Mira o que me aconteceu coas pintadas en contra do concelleiro: para borrar esas si que se deron présa, abofé. Distribuíunas alguén polas redes sociais e chamáronme da redacción para ver se podía facerlle unhas fotografías. Cando cheguei xa non quedaba nada. Percorrín todo o barrio por ver se atopaba outras, pero nada. Púxenme a procurar algo no twitter e atopei dúas ou tres, de moi mala calidade. A xente non sabe facer fotografías. Escollín a mellor -se é que se pode dicir iso-, corrixín cun pouco de photoshop e enviéillela aos do xornal. Todo ben. Pero, dalgún xeito, o que fixera a foto orixinal se decatou e comezou unha protesta en twitter. E rifáronme de coidado, abofé que si. Tiveron que poñer o nome de usuario do tipo ao pé da foto, malia que eu fixen todo o traballo. Non, non cobrei iso, que ladróns. Tampouco o piador: estou seguro de que quedou ben contento vendo o seu pseudónimo alí posto. Que imbécil.

Entendedes por que o fixen? A pintada xa estivera aí, aí mesmo. Non no lugar onde estaba a pintala eu, seino, un pouco máis á esquerda. Aí están as marcas que deixaron os limpadores. Vedes? Están frescas aínda. Non sabía se podería pintar por riba delas. Pero aí estaban, mira a foto que publicaron hai seis horas en twitter. Tentei imitar o tipo de letra, todo. Si, “MOITAS GRAZAS, ETA”. Polo comunicado de disolución de onte, seino, como non o podería saber. Pero eu non estou a favor de ETA, nin moito menos. Só quería sacarlle unha fotografía, pedíronmo no xornal. Xa sabedes como son os do meu xornal, máis contrarios a ETA ca eles... Quererían ilustrar un artigo ben crítico, seguro. Joder. Seino. Pero é unha parvada, que queredes que vos diga. Total, axiña virán os da limpeza a eliminala. E estaba alí mesmo, asegúrovolo. Mirade a foto de twitter outra vez, mirade. Quedoume cuspidiña....

Comentarios